A Asociación de Hostalaría colabora na iniciativa, que está aberta á participación de todos os establecementos interesados
Entre as numerosas actividades que vimos desenvolvendo para a normalización e a promoción da lingua galega en diferentes ámbitos, por segundo ano consecutivo contamos coa colaboración do sector hostaleiro para realizar un reparto masivo de salvamanteis con pasatempos da revista A píllara, editada polo Concello de Carballo coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). A primeira edición tivo tanto éxito que pasamos de 20.000 a 50.000 unidades.
O obxectivo é que mentres agarda por unha tapa, unha ración ou un xantar, a clientela poida entreterse e exercitar o uso da nosa lingua facendo unha sopa de letras ou un anagrama. A proposta foi moi ben acollida polo sector, e, de feito, a través da Asociación de Hostalaría de Carballo, contamos cunha ducia de establecementos colaboradores.
Este ano tamén se suma a cafetería Mercado, onde presentamos a iniciativa coa participación do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, e a concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret.
Pero a proposta está aberta á participación dos/as empresarios/as interesados/as, formen parte ou non da entidade. O único que teñen que facer é achegarse ata o mercado municipal en horario de tarde (a partir das 18.00 horas) e solicitalos na conserxería. Se precisan máis información poden poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística a través do enderezo electrónico snl@carballo.gal. Todas as peticións serán aceptadas e incluso se irán repoñendo os salvamanteis ata fin de existencias.