Avánzalles que defenderá que haxa seguridade xurídica e que se garanta que non perden os seus postos de traballo
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, mantivo unha xuntanza cos representantes da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia, aos que lles trasladou o contido da reunión que mantivo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cos catro presidentes das Deputacións Provinciais -Valentín González da Coruña, Darío Campos de Lugo, José Manuel Baltar de Ourense e Carmela Silva de Pontevedra- para abordar o sistema de parques comarcais.
Segundo lles explicou o titular de Emerxencias na Xunta, para levar a cabo un cambio de modelo na xestión cumpre ter en conta dúas premisas xa manifestadas publicamente. Dunha banda, que se leve a cabo unha avaliación económica do cambio de modelo de xestión de xeito que acredite que o custo do mesmo non se verá incrementado e tampouco suporá unha merma na calidade do servizo que se presta actualmente.
Doutra banda, tamén se esixe que se determine xuridicamente que os eventuais procesos de selección e integración necesarios para que o persoal poida efectuar a transición a este novo modelo de xestión non prexudiquen a continuidade nos seus postos de traballo do persoal que actualmente presta os seus servizos.
Prazo dun mes para analizar a viabilidade do cambio
Do mesmo xeito, adiantoulles que Xunta e Deputacións acordaron establecer un prazo máximo dun mes para que dende os gobernos provinciais se aportasen os estudos tanto económicos como xurídicos antes sinalados. Os ditos estudos posibilitarán a toma de decisión polas administracións implicadas respecto do cambio de modelo de xestión, tendo en conta as dúas premisas antes expostas.
Os representantes sindicais agradeceron tanto a convocatoria da xuntanza, como a posición do Goberno galego no que respecta á apertura á posibilidade doutro modelo de xestión, así como a seguir mantendo as actuais achegas económicas aos consorcios provinciais.