Saturday 16 de November de 2024

Mercedes Rosón acusa a Sanmartín de paralizar a ordenanza de regulación das Vivendas de Uso Turístico: “toda a cidade se pregunta que hai detrás deste bloqueo”


Lamenta a falta de avances do goberno local “cando lles deixamos enriba da mesa un borrador de ordenanza” e pedirá explicacións no pleno deste xoves

“Pregúntome cando ten previsto, polo menos, fixar posición pública o goberno do BNG en relación á regulación das VUT para acabar coa incerteza dos colectivos implicados” afirma.

O grupo socialista denuncia retrasos e acusa ao goberno do BNG de “bloquear” a nova ordenanza que debe regular as Vivendas de Uso Turístico, logo de que no pasado mandato se modificase o Plan Xeral para poñer coto á proliferación deste tipo de aloxamentos turísticos. Así o denunciou Mercedes Rosón en rolda de prensa este martes, asegurando “non entender por que a señora Sanmartín paraliza a regulación das VUT”.

Rosón amosouse especialmente crítica co que cualificou de “ambigüidade manifesta” do grupo do BNG nesta cuestión. Critica a edil socialista que “mentres claman por un turismo sostible e respectuoso coa veciñanza” e “falan do problema de acceso á vivenda”, a alcaldesa “segue sen posicionarse claramente ao respecto das vivendas de uso turístico”.

“Existe unha desconfianza entre unha parte importante da sociedade compostelá que non entende a que obedece a actitude da alcaldesa a este respecto” denunciou a edil socialista que recordou que “todos os prazos marcados polo goberno para ter un borrador de ordenanza foron incumpridos”.

Lembran os socialistas que a alcaldesa comprometérase a ter a finais de outubro un primeiro borrador e despois asegurou que iría a pleno para a súa aprobación antes de que rematase o 2023: “pasados dous meses do novo 2024 nada se sabe” critica, alertando de que “agora tan sequera hai un horizonte marcado como data límite para o seu remate, toda vez que os prazos marcados anteriormente por eles mesmos foron incumpridos”.

“É importante tamén saber se a Compostela Aberta xa non lle importa a regulación das VUT”

Mercedes Rosón preguntouse ademais pola postura de CA neste proceso e preguntouse “se a señora Rozas é cómplice deste bloqueo” ou “se a Compostela Aberta xa non lle importa a regulación das VUT”, apelando á “diferenza clara” que “sempre houbo” entre os posicionamentos de CA e BNG. Lembra, precisamente, que a modificación do Plan Xeral impulsada durante o mandato socialista saíu adiante, precisamente, gracias aos votos de CA, “mentres a señora Sanmartín, xa entón, decidiu poñerse de perfil”.

“Cada día que seguimos sen saber nada da ordenanza é un día perdido para avanzar nun modelo de turismo sostible e mellorar a oferta de vivenda en alugueiro convencional en Compostela” insiste a edil socialista, incidiu na “incerteza” dos colectivos implicados, tamén a que viven os propietarios de vivendas turísticas que operaban con anterioridade á regulación: “levan vivindo nun limbo legal dende fai máis de 9 meses e temos a tempada estival, de novo, á volta da esquina”.

“Durante a campaña xerou un nivel de expectativas que, seguramente, agora non é quen de cumprir”

A preguntas dos xornalistas sobre os motivos do retraso na tramitación do borrador da nova ordenanza, Rosón insistiu na “desconfianza compartida” por unha parte “importante” da sociedade neste proceso, cuestionando que o motivo latente sexa que “durante a campaña, a señora Sanmartín xerou un nivel de expectativas que, seguramente, agora non é quen de cumprir”.

Insiste a que fora responsable de Urbanismo que, antes de deixar o goberno, o grupo socialista deixou sobre a mesa un borrador de ordenanza para fixar as condicións para a regularización das VUT que operaban con anterioridade á revisión do plan xeral: “falamos de xuño do 2023, fai xa 9 meses”.

Rosón aproveitou ademais para reafirmarse na conveniencia de impulsar esta regulación durante o mandato socialista, ante a proliferación das vivendas de uso turístico na cidade de Compostela: “un problema compartido por moitas cidades de Galicia e de España, e na que Compostela foi, de novo, pioneira na súa regulación”.