Máis de medio cento de persoas arrouparon este sábado á escritora lousamiá Lucía Rodríguez Figueira durante a presentación do seu primeiro libro “Nora”. Un acto celebrado no auditorio da Casa da Cultura de Lousame e no que a escritora de Zaramagoso (Fruíme) foi presentada pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e pola traballadora municipal Maite Sobradelo.
Lucía Rodríguez é a pequena de cinco irmáns, nacida en Lousame o 1 de xuño de 1987. Estudou Formación Profesional de Comercio, se ben traballou de camareira dez anos ata que no 2017 cambiou a hostalaría polo mundo da conserva. Na que foi a súa primeira presentación literaria, Lucía explicou aos presentes, “os meus amigos, veciños e coñecidos”, que comezou a escribir como un pasatempo antes de ser nai pero que, cando quedou soa co bebé, non dispuña de tempo libre e deixou a escritura a un lado.
Despois recuperou o gusto pola escritura a través dun concurso de micro-relatos eróticos convocado por Diversidad Literaria a través de Facebook. O seu relato foi escollido entre todos os presentados en España para formar parte dun libro de temática erótica e comercializado a través de Internet. Como o relato de Lucía foi un dos dous mellor acollidos, a editorial ofreceulle un contrato para escribir este libro en solitario presentado este sábado en Lousame.
“Nora” é unha historia de traizón e celos editada por Diversidad Literaria que combina momentos románticos con escenas eróticas. Conta a historia de Nora, unha muller sumisa inmersa nun matrimonio cheo de mentiras e enganos ata que, coa axuda duns bos amigos logra saír dese burato, fortalecendo a súa autoestima e vencendo os seus medos. Para logralo, superará situacións de medo, indecisión e traizón, ademais doutros momentos fermosos como atopar o verdadeiro amor que a axuda e a apoia sen condición.