Tras unha visita ao barrio, Castro explica que a fonte da vagoada de Vite que era frecuentada por veciños de toda a zona leva semanas atascada
Levarán esta actuación á sesión ordinaria do pleno deste xoves
O Grupo Socialista reclamará no pleno deste xoves actuacións de mellora no parque Fermín Bouza Brey sito na vagoada de Vite. O estado no que se atopan as ramplas e escaleiras que atravesan o parque atópanse “levantadas e fora de sitio” supoñendo, explica Mila Castro, “un perigo para as persoas que diariamente as empregan para ir ao centro urbano”.
Castro insiste na necesidade de acometer unhas obras de emerxencia na zona para garantir a seguridade dos viandantes, reparando as sendas que emprega diariamente, sobre todo, a veciñanza da rúa Alexandre Bóveda.
Tamén os usuarios da fonte ubicada no propio parque á que, segundo explican os propios veciños, acudían a diario persoas de diferentes puntos da cidade. “Desde hai unhas semanas semella estar atorada porque, polo cano, soamente cae un fío de auga” insiste Castro que pedirá o seu arranxo na sesión ordinaria do pleno da Corporación deste mes de febreiro.