Friday 22 de November de 2024

O Concello de Santiago e Kalandraka convocan o XVII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados


O Concello de Santiago e Kalandraka Editora convocan o XVII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, dirixido a autores/as e ilustradores/as de todas as nacionalidadese e cunha dotación económica de 9.000 euros. O prazo de presentación dos traballos rematará o 16 de maio e o fallo do xurado darase a coñecer durante a segunda quincena de xuño. Os detalles do certame foron presentados esta mañá pola concelleira de Educación, Míriam Louzao; a coordinadora de Kalandraka Editora, Manuela Rodríguez; a responsable do Departamento de Educación, Beatriz Varela. Na rolda tamén estivo a gañadora da primeira edición do certame, Natalia Colombo.

Convocado dende o ano 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coa Editorial Kalandraka, o Premio Internacional “Compostela” para Álbums Ilustrados é un dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros, e cun significativo nivel de participación en todas as súas edicións, ao que se engade o prestixio do xurado que avalía as obras presentadas. Ademáis do premio en metálico, Kalandraka publicara a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués-.

Durante a rolda, Míriam Louzao salientou que este Premio “sitúa o nome de Compostela no mundo”, xa que as obras gañadoras “se presentan nas principais feiras internacionais do libro” e ao estar traducidas en cinco idiomas fai que “viaxen por moitos países”. Ademais recordou que a visibilidade deste certame é un labor conxunto: “a idea é facer que librarías, centros educativos e toda a cidadanía se implique para así construír Compostela entre todos e todas”. A concelleira tamén salientou que ata o momento, en todas as edicións, “chegaron a Santiago máis 4.600 obras de todo o mundo”.

Tamén asistiu á rolda de prensa, a ilustradora arxentina Natalia Colombo, gañadora do Premio en 2008 coa súa obra ‘Cerca’, que foi recibida esta mañá pola alcaldesa Goretti Sanmartín e que aproveitará a súa estadía en Santiago para manter un encontro mañá co alumnado do IES de Sar para explicarlles o proceso de elaboración do álbum, as técnicas utilizadas, as fontes de inspiración, a traxectoria profesional, etc.

Presentación de obras

O prazo de presentación de orixinais abrirse coa publicación das bases no Boletín Oficial Provincial (BOP) e rematará o 16 de maio. O fallo anunciarase na última quincena de xuño de 2024, para proceder á presentación da obra e á entrega do galardón no mes de novembro deste mesmo ano.

Ao XVII Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.

Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, serán remitidos ou entregados no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende nº4, 15705 Santiago de Compostela)

Editorial Kalandraka

Kalandraka Editora realiza un importante labor de recuperación de clásicos universais da literatura infantil e xuvenil. A produción editorial desta firma inclúe libros en galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés, italiano e portugués e conta con múltiples galardóns a nivel nacional e internacional.

Kalandraka participa activamente nas principais feiras internacionais do libro: Boloña (Italia), Frankfurt (Alemaña), Líber (Madrid/Barcelona), Bos Aires (Arxentina), Lima (Perú), Guadalaxara (México), Book Expo América (EEUU). Beijing (China), Tokío (Xapón)… No espazo expositivo de Kalandraka figuran nun lugar destacado as obra galardoadas co Premio Compostela, sendo protagonistas na decoración do propio espazo.

Arredor dos álbums galardoados co Premio “Compostela” tamén se organizan actividades: presentacións para editores, libreiros e bibliotecarios; accións de promoción do certame dirixidas a escritores e ilustradores; encontros cos autores das obras premiadas, etc.

Anteriores edicións

Ata o momento convocáronse dezaseis edicións que tiveron unha grande aceptación pois contabilizáronse máis de 4.626 traballos, cifra que dá a medida da importante repercusión que este premio ten a nivel internacional. Os traballos presentados a este premio procederon de diversos países como: España, Italia, Colombia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Alemaña, Arxentina, Francia, México, Uruguai, Suíza, Suecia, Estados Unidos, Austria, Polonia, Ecuador, Noruega, Kazajistán, Chile, Ucraína, China e Brasil.

A primeira gañadora do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada «Cerca», presente na rolda de prensa de hoce. Ao ano seguinte o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por «Un gran soño». O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro «A familia C». O uruguaio Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria con «A viaxe de Olaf». Seguiulle «Bandada», dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez. Na sexta edición a obra elixida foi «Mamá», da arxentina Mariana Ruiz Johnson. Na convocatoria de 2014 foi premiado «Ícaro», do pacense Federico Delicado. A galardoada en 2015 foi «Despois da chuvia», do cordobés Miguel Cerro. Ao ano seguinte, o premio recaeu nos autores gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi por «Unha última carta». Na décima edición gañou «A horta de Simón», da arxentina Rocío Alejandro. Fran Pintadera e Christian Inaraja foron os autores galardoados en 2018 por «Cándido e os demais» e, ao ano seguinte, a búlgara Mariann Máray co álbum «O can de Milu». Na edición seguinte resultou seleccionado o proxecto do italiano Pietro Gottuso, «Dende 1880». Marina Gibert, con «Selva», foi a gañadora en 2021, e a artista peruana Fabiola Anchorena con «Esperando o amencer», no 2022. Na anterior edición o premio foi para as autoras catalás Núria Figueras e Anna Font pola súa obra ‘A visita’.