• A mostra, titulada ‘Mujeres na cociña e outras dores de cabeza’ é obra da pintora Montse Gutiérrez e poderase visitar na Sala de Exposicións do Claustro Superior do Concello
• A exposición xa estivo en municipios como Allariz, Santiago de Compostela ou Amarante, en Portugal
O Concello de Ortigueira arrincará os actos polo 8M, Día Internacional da Muller, coa inauguración da exposición titulada ‘Mujeres na cociña e outras dores de cabeza’, da pintora Montse Gutiérrez Valerio.
Nesta transgresora mostra, a autora visibiliza estereotipos e roles femininos a través de imaxes de mulleres famosas dos anos 50, dándolles un punto de vista diferente para facer evidentes as cargas domésticas que moitas mulleres levan sobre os seus ombreiros.
A exposición, que xa pasou por municipios como Allariz, Santiago de Compostela ou Amarante (Portugal), inaugurarase este venres, 1 de marzo, ás 18.00 horas, na Sala de Exposicións do Claustro superior do Concello. Poderase visitar ata o 30 de marzo.
A mostra con dous partes diferenciadas segundo a técnica empregada: unha é obra gráfica con impresión dixital sobre papel e outra é acrílico sobre lenzo.
A autora, licenciada en Belas Artes, foi docente de debuxo e arte plásticas en distintos institutos de Secundaria e Bacharelato en Galicia. Tamén tivo numerosos recoñecementos, como o segundo premio no X Certame de pintura Comarca do Sar, a mención especial do Xurado no IV Certame Internacional de Toledo Puche ou seleccións no 24º Certame de pintura Concello de Cambre, no proxecto ‘Espazo Documental’ do CGAC, MARCO e a Fundación #Luis Seoane ou no IV Premio de Pintura Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.
Ademais, realizou portadas e ilustracións de libros, como ‘Veña, campión faite feminista en dez cómodos prazos’ de María Donapetry ou ‘Breve biografía dum pseudopoeta’, de Yasuhiro Yotsumoto.