“Esta medida faise imprescindible, debido á tendencia de alugar por días e semanas a vivenda habitual, que está cada vez máis en auxe”, indicou
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a remisión ao Consello Consultivo do proxecto de decreto polo que se establece a ordenación dos apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico, no que a principal novidade é a creación desta última categoría e o establecemento duns requisitos mínimos. “Esta medida faise imprescindible, debido á tendencia de alugar por días e semanas a vivenda habitual, que está cada vez máis en auxe”, indicou.
Esta norma pretende erradicar os problemas que se asocian a estas prácticas: o impacto económico-social, os asociados coa fiscalidade e tributación, a garantía e seguridade das persoas usuarias, a calidade da oferta e satisfacción das persoas usuarias, as molestias xeradas aos residentes e cidadáns, o intrusismo ou a competencia desleal.
A nova categoría de vivendas de uso turístico engloba todos os domicilios particulares que se ofrecen para uso turístico. Os seus propietarios, tal e como subliñou o presidente, deberán rexistralas en Turismo de Galicia. Terán que cumprir requisitos mínimos, como alugarse enteiras, non por estancias; estar suficientemente amobladas e contar con calefacción en todas as dependencias; contar cun teléfono de atención 24 horas, servizo de asistencia e mantemento da vivenda e follas de reclamación.
Vivendas e apartamentos turísticos
As outras dúas categorías que regula o decreto xa existían previamente. Por unha banda, as vivendas turísticas, que deben cumprir requisitos máis estritos ca as de uso turístico: ser establecementos unifamiliares illados, non ofrecer máis de dez prazas e contar coas instalacións adecuadas para conservar, elaborar e consumir alimentos, entre outras. Tal e como dixo Feijóo, tampouco se poderán alugar por cuartos, nin poderán coincidir dentro dela usuarios que formalizasen diferentes contratos.
A terceira categoría é a dos apartamentos turísticos, que son os inmobles integrados en bloques de pisos, chalés, bungalows ou semellante que están destinados na súa totalidade ao aloxamento turístico, sen ser residencia permanente. Este novo decreto manterá a clasificación dos apartamentos turísticos en tres categorías: unha, dúas e tres chaves. En caso de que a calidade das instalacións e servizos non sexa uniforme, a súa categoría determinarase en función da estancia de menor rango.
Unha regulación deste tipo faise imperativa nun momento no que cada vez son máis visitantes os que se senten atraídos por Galicia. Feijóo recordou que nos primeiros once meses do ano 2015 batemos o noso récord histórico de turistas, con máis de 4.300.000 visitantes. Ademais, a cifra de viaxeiros aloxados en Galicia creceu máis dun 12 por cento, case o dobre cá media estatal. Neste contexto, decretos como este axudan a garantir que a atención turística que ofrece Galicia sexa sempre da máxima calidade.