En paralelo, avanzan os traballos na praza do Parque, no barrio de Monte Alto, onde se está a ampliar a área de xogos e tamén se creará un pequeno espazo biosaudable para a práctica de exercicio físico
O Concello da Coruña reabriu esta semana á cidadanía o parque infantil dos Mariñeiros, tras validarse a certificación de obra necesaria, logo de remataren os traballos de mellora executados polo Goberno de Inés Rey na área de xogos.
Na intervención, que comezou a mediados de xaneiro deste ano, renovouse de forma integral o firme de caucho do parque infantil, substituíuse o antigo por un totalmente novo, en cores azul, vermella e amarela. Desta forma, o Concello busca reforzar a seguridade das pequenas e pequenos ante o uso diario da instalación. Para concretar esta actuación levouse a cabo un investimento de case 49.000 euros.
“Seguimos avanzando na remodelación e ampliación das infraestruturas municipais destinadas ás familias e ao goce das crianzas”, apuntou a concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa, que tamén destacou “o traballo de continuidade que se está a dar ao Plan integral de mellora dos parques infantís, atendendo ás especificidades e demandas particulares de cada barrio”.
Froito desta metodoloxía, o Concello tamén avanza estes días na mellora da praza do Parque, no barrio de Monte Alto, onde ademais da renovación da área de xogos infantís tamén se está a crear un pequeno espazo biosaudable, ideado especialmente para a práctica deportiva e o exercicio das persoas maiores.
Neste sentido, os novos equipamentos deportivos da praza do Parque xa foron instalados ao longo desta semana no que será o seu emprazamento final, no sector oeste da praza.