Friday 22 de November de 2024

A Xunta executou case ao 100% EN 2023 os fondos europeos para mellora enerxética de edificios e vivendas


— Galicia está entre as comunidades con maior execución destes recursos e este ano destinará máis de 37 millóns de euros a distintas liñas de axudas e actuacións directas de rehabilitación para a mellora da eficiencia enerxética dos inmobles

— Heriberto García agradece o labor dos administradores de fincas e do conxunto do sector inmobiliario na consecución deses bos resultados pois acompañan ás comunidades de propietarios no proceso de solicitude das distintas achegas

— O Executivo galego iniciará proximamente os traballos para elaborar un novo Pacto social pola vivenda pois o vixente remata o vindeiro ano

A Xunta de Galicia executou practicamente ao 100% os orzamentos das convocatorias de 2023 de liñas de axudas destinadas á mellora da eficiencia enerxética en edificios e vivendas e para a elaboración do libro do edificio e redacción de proxectos de rehabilitación. Así o indicou o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, na inauguración das III Xornadas Galegas Jacinto Peleteiro Otero organizadas polo Colexio de Administradores de Fincas de Galicia.
Na súa intervención detallou que os fondos destinados a achegas para a mellora da eficiencia enerxética dos edificios foron executados practicamente ao 100%, mentres que os habilitados para vivenda acadaron un grado de execución de preto do 96% e os do libro do edificio e redacción de proxectos chegaron ao 93% de execución.
Estes datos converten a Galicia nunha das comunidades autónomas con maior grado de execución das liñas de axudas financiadas con recursos da Unión Europea, o que permite á autonomía acceder a novos fondos en 2024, estimando en máis de 25 millóns de euros os que lle corresponderían para este ano. Con estes fondos e outros propios, a Xunta destinará este ano máis de 37 millóns de euros a distintas liñas de axudas e actuacións directas de rehabilitación para a mellora da eficiencia enerxética dos inmobles.
Heriberto García destacou ademais a colaboración dos administradores de fincas e do resto de colectivos que interveñen no sector inmobiliario para acadar este éxito na execución dos fondos europeos destinados a vivenda. De feito, salientou que os administradores contribúen en gran medida a difundir, informar e axudar ás comunidades de propietarios a solicitar as distintas achegas.
Por outra parte, o director xeral do IGVS confirmou que a Xunta presentou un recurso de inconstitucionalidade contra a lei estatal polo dereito á vivenda, tramitada polo Goberno de España sen contar coas comunidades autónomas malia que teñen competencias exclusivas en materia de vivenda. Heriberto García considerou que no momento actual é unha temeridade adoptar medidas como as que se inclúen na nova normativa e que van frear a participación privada no sector da vivenda. Neste sentido, incidiu en que a lei estatal xera inseguridade nos pequenos propietarios, inclúe disposicións xa fracasadas noutros territorios e crea falsas expectativas con solucións irreais.
O representante do ente público autonómico salientou que a Xunta seguirá traballando como ata o de agora, contando coa participación de todos os sectores implicados no eido da vivenda, para avanzar en medidas que faciliten o acceso da poboación a un fogar. Por iso, anunciou que proximamente se iniciarán os traballos para a elaboración dun novo Pacto social pola vivenda xa que o vixente, aprobado a comezos de 2021 por todos os membros do Observatorio da Vivenda de Galicia para marcar a folla de ruta das políticas públicas en materia residencial, remata no ano 2025.