Friday 22 de November de 2024

A Pobra homenaxea Rosalía con poesía, música, flores e o “caldo de groria”


Poesía, música e gastronomía foron os tres eixos sobre os cales se vertebrou este 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, na Pobra do Caramiñal.

A chuvia fixo que algunhas das actividades se tivesen que desenvolver a cuberto, pero non pasou pola auga a xornada. O teatro cine Elma converteuse nun fervedoiro músico-literario xa de mañá. O grupo de música tradicional Xiada interpretou algunhas pezas e o alumnado do CEP Pilar Maestú Sierra e unha parte do CEP Salustiano Rey Eiras realizoulle unha singular homenaxe a Rosalía con poemas cantados e lectura de versos.

Despois, o tempo respectou a ofrenda cívica que se desenvolveu, como xa é tradición, na praza que leva o nome da escritora, e que incluíu a degustación do “caldo de groria” que se recolle no poema “Miña casiña, meu lar”. Antes de proceder á colocación do arranxo floral a carón da fonte xunto con parte da corporación municipal, o alcalde, José Carlos Vidal, dirixiuse ao público congregado lendo, primeiramente, o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, escrito por Carlos Callón, no cal se explica que a autora marca un antes e un despois en Galicia, non só na literatura e, por extensión, na cultura, senón tamén na nosa sociedade, ao formar parte da nosa identidade como pobo.

Durante a súa intervención, o mandatario local tamén reiterou o compromiso do Concello da Pobra do Caramiñal con esta data conmemorativa para seguir divulgando a obra rosaliana. Por iso, apuntou que na programación deseñada pola Concellaría da Cultura se fai sempre un especial fincapé na rapazada, para lle achegar coñecementos sobre a intelectual galega mediante accións de carácter lúdico.

As crianzas da primaria poden participar ata o día 8 de marzo no xogo-concurso As Sete Rosalías. Deberán busca-las sete versións distintas da escritora nos escaparates dunha trintena de establecementos colaboradores. Logo de superado o reto, deberanse deposita-los documentos debidamente cubertos nos centros de ensino mencionados anteriormente. Sortearanse 50 lotes de agasallos, entre tódolos cativos e cativas que acertaren, no 12 de marzo.