Friday 22 de November de 2024

A alcaldesa trasládalle o agradecemento do Concello aos 34 traballadores municipais xubilados o pasado ano 2023


Inés Rey: “En nome do Goberno, quero recoñecer o voso esforzo e dedicación na complexa pero agradecida tarefa de facer desta cidade un lugar mellor”

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá o acto de homenaxe aos 34 traballadores e traballadoras municipais que se se xubilaron o pasado ano 2023. “En nome do Goberno, quero recoñecer o voso esforzo e dedicación na complexa pero agradecida tarefa de facer desta cidade un lugar mellor”, sinalou.

Rey, acompañada por membros do Goberno local e da corporación, trasladoulle o agradecemento do Concello polos anos de servizo nas diferentes áreas e definiu ao conxunto de traballadores e traballadoras municipais como unha ferramenta esencial para levar a cabo as políticas de progreso proxectadas polo Goberno. “Eses valores de compromiso e servizo público que durante décadas aplicáchedes neste Concello son hoxe un motivo de honra para min como coruñesa que sempre atopou nos servizos municipais a primeira porta á que chamar” explicou a alcaldesa.

Suso Prado, ex traballador do planetario da Casa das Ciencias, tomou a palabra en representación dos xubilados e xubiladas. “Non podemos esquecer que nós somos servidores públicos e que as persoas ás que atendemos son as que nos permiten exercer o noso traballo” sinalou Prado.

A homenaxe tivo lugar no Salón de Sesións do Palacio Municipal de María Pita e comezou coa lembranza de Inés Rey a Paula María Meléndrez Chas, traballadora da biblioteca de Monte Alto que se xubilara no 2023 e faleceu recentemento. A rexedora fíxolles entrega dun agasallo a todas as persoas asistentes en nome do Concello da Coruña.