Do acadio ao galego, dunha estela ao papel. O profesor e experto en linguas clásicas Xosé Antón Parada Fernández mergullouse durante varios anos na tradución do código de Hammurabi, un arduo traballo que culminou en 2022 coa publicación do volume dentro da colección Vetera da editorial Rinoceronte.
A obra condensa nas súas 190 páxinas o contido da que moitas e moitos historiadores consideran a primeira gran compilación de normas das cales se ten rexistro e que influíron de maneira determinante na historia da humanidade.
No acto realizado na tarde do día 22 de febreiro, no Auditorio do Museo Valle-Inclán, o autor foi presentado polo alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, quen fixo fincapé no “gran mérito que ten a publicación dun libro, debido ao compromiso coa escrita que esixe este labor, ao cal, nesta ocasión, hai que lle suma-la dificultade de traer ao galego unha lexislación nunha lingua tan afastada do noso sistema de escrita, territorio e, sobre todo, tempo, pois o dito código data de antes de Cristo.” Engadiu que “esta tradución non destaca unicamente pola complexidade da cal falaba antes, senón tamén porque amosa a paixón do escritor por esta materia con numerosas anotacións que lle permiten ao lector comprender mellor a peza que ten entre as súas mans.” “Por todo isto, non é de estrañar que resultase merecedor do XXI Premio Plácido Castro”, remarcou. O mandatario local referiuse, ademais, a cando el se aproximara nas clases, durante a súa época universitaria como estudante da licenciatura en Xeografía e Historia, ao código de Hammurabi, polo cal “esta cita literaria, este exemplar, resulta unha ocasión excepcional para afondar no tema.”
A presentación tamén contou coa participación da parlamentaria galega Rosana Pérez; do director da colección Vetera da editorial Rinoceronte, Raúl Gómez-Pato; e do editor de Rinoceronte, Moisés Barcia.
Ante as transformacións sociais e económicas vividas na antiga Mesopotamia, Hammurabi, rei de Babilonia, estableceu unha lei composta por 282 artigos no total, relativos a normas de comportamento e castigos aplicables en caso de omisión. Esta lexislación quedou gravada nunha estela en lingua acadia mediante o sistema de escrita cuneiforme, onde tamén se representaba o soberano ante Shamash, deus da xustiza. Deste xeito, transmitíaselles ás persoas súbditas do imperio unhas regras amparadas polos deuses e reforzaba a idea de que o poder dos gobernantes era designado polas deidades.
Todo este contexto histórico, o fondo do libro e o proceso de tradución foi debullado polo propio escritor. O público pobrense tivo así a oportunidade de coñecer máis polo miúdo o libro Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica, ademais de observar algunhas imaxes proxectadas para complementa-la explicación ofrecida. Así mesmo, Xosé Antón Parada aproveitou a ocasión para anunciar que en vindeiras datas sairá do prelo unha nova creación literaria da súa autoría.