O domingo 25 participarán na proba 1.692 corredores e corredoras, ás que haberá que sumar 1.316 que competirán na 5K
O récord e campión de España de maratón, Tariku Novales, participará na carreira
Este domingo 25 de febreiro poderán tomar a saída da C21 e da 5K que percorrerá as rúas da cidade un total de 3.008 corredores e corredoras. O prazo de inscrición rematou a pasada noite do martes e, como xa ocorrera o no 2023, a proba promovida polo Goberno de Inés Rey mellorou as súas cifras de participación con respecto á anterior edición.
Na C21 apuntáronse 1.692 persoas, 181 máis que a pasada edición, o que confirma o éxito dunha proba de máxima esixencia e que aspira a consolidarse como un dos mellores medio maratóns do país. Este ano, ademais, a proba contará coa participación de Tariku Novales, campión e récord de España de maratón.
Por outra banda, o Goberno de Inés Rey volve apostar nesta edición polo desenvolvementoen paralelo dunha proba de 5 quilómetros que lle permitirá ás persoas participantes gozar doambiente do medio maratón e aclimatarse á distancia habitual do circuíto de carreiraspopulares Coruña Corre, que comeza o próximo mes de marzo. Ao peche das inscricións, hai 1.316 corredores e corredoras apuntadas.
Percorrido e características
O Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo organizan esta décimo sexta edición da C21, que conta cunha distancia homologada de 21.097,50 metros. A proba está incluída no calendario oficial das competicións da FGA e da Real Federación Española de Atletismo e disputarase nun circuíto totalmente urbano e cunhas características propicias para que as persoas participantes poidan bater as súas marcas.
O medio maratón manterá o percorrido das dúas últimas edicións. As persoas participantes comezarán e concluirán a C21 no Obelisco. A primeira parte transcorrerá por Ramón y Cajal, Salvador de Madariaga e o porto coruñés. Na segunda, os atletas percorrerán as praias de Riazor, Orzán e Matadoiro polo paseo marítimo e atravesarán a rúa San Andrés para ir ata Porta Real e, desde alí, chegar á meta.
Afeccións ao tráfico
A disputa do medio maratón C21 causará diferentes alteracións do tráfico nas vías incluídas no seu percorrido. Calquera dúbida ou aclaración pode consultarse nos números de teléfono 010 ou 092. Estas serán as afeccións previstas:
● De 05.30 a 12.30 horas. Corte total dos Cantóns.
● De 05.30 a 15.30 horas. Corte total dos Cantóns entre Santa Catalina e Alcalde Manuel Casás. Desvíase o tráfico saínte por Ambrosio Feijoo e o entrante cara a avenida dos xardíns de Méndez Núñez.
● De 09.00 a 12.30 horas. Corte de Juana de Vega, en sentido de circulación da praza de Mina a San Andrés, manténdose aberto en dirección saída da cidade.
● De 09.00 a 11.45 horas. Corte total do tramo avenida da Mariña, estrada do Porto e avenida do Exército entre Ramón y Cajal e a rotonda da rolda de Outeiro.
● De 09.00 a 12.15 horas. Corte parcial, só a estrada do lado do Porto de Sánchez Bregua, Linares Rivas e Primo de Rivera. Estes cortes obrigan a montar os desvíos habituais na AC-11 Alfonso Molina e AC-12 avenida da Pasaxe. Implantaranse desde as 07.30 horas.
● De 09.00 a 12.00 horas. Alfonso Molina conecta directamente coa avda do Porto, habilitando un carril de saída pola vía de entrada, na zona do viaduto.
● De 09.00 12.00 horas. Desvíase o tráfico da AC-12 avenida da Pasaxe só na dirección de entrada da cidade cara o cruzamento de Casabranca.
● De 09.00 a 11.30 horas. Corte total das vías interiores do Porto.
● De 09.00 a 11.00 horas. Corte total da rúa Posse na dirección de saída, Alcalde Pérez Ardá, Alcalde Marchesi no tramo comprendido entre Ramón y Cajal e rúa Posse e Salvador de Madariaga (ata o cruzamento coa rolda Camilo José Cela).
● De 09.00 a 10.30 horas. Corte parcial de Ramón y Cajal en dirección Pérez Ardá.
Estes cortes obrigan a montar os seguintes desvíos:
● Túnel de Salgado Torres. O tráfico que entra na cidade desvíase pola rotonda con Xeneral Rubín, permitíndose a saída de Fernández-Latorre.
● Rolda de Outeiro cortada no cruzamento con Pérez Ardá, polo que o tráfico do tramo da estación de tren desvíase pola saída do Hotel Avenida cara a Alfonso Molina e na zona do parque de Oza cara a travesía Rianxo. Estará habilitada a entrada e saída de transporte público da estación de autobuses.
● Na rúa Vicente Ferrer todo o tráfico desvíase cara a Rafael Alberti, afectando igualmente a todas as incorporacións á avenida de Salvador de Madariaga, que se abrirá en canto pase a carreira
Aclaracións:
● Mantense a entrada e saída da estación de autobuses, cortando a saída a Ramón y Cajal e a conexión coa Fonte das Paxariñas.
● Elimínanse as paradas de taxi situadas no circuíto, con especial atención aos Cantóns e Ramón y Cajal.
● A reapertura de todas as zonas realizarase ao paso da carreira.