• Este curso permite conseguir os coñecementos mínimos para poder exercer a profesión en territorio autonómico
• Dispón de 27 prazas e dunha formación de 240 horas entre principios de abril e finais de maio as fins de semana
Ortigueira será un dos municipios que acolla o Curso de Formación Específica de Socorrismo en Instalacións e Espazos Acuáticos, impartido pola Academia Galega de Seguridade (AGASP).
O obxectivo deste curso é que os os alumnos e alumnas adquiran os coñecementos mínimos para poder exercer profesionalmente a profesión de socorrista, xa que unha vez finalizado permite a inscrición no Rexistro Profesional de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia.
Para poder inscribirse é necesario cumprir os seguintes requisitos: ser maior de idade, estar en posesión dos estudos de ESO e carecer de calquera enfermidade que incapacite o desempeño deste labor. Ademais, será necesario superar as probas físicas de acceso, denominada ‘combinada con aletas’.
A formación composta por un total de 27 prazas e 240 horas de contido lectivo. Ademais, respectarase a orde de inscrición. Dará comezo o venres, 5 de abril, coas citadas probas de acceso, e o venres, 12 de abril, coas clases. O curso desenvolverase durante as tardes dos venres e as mañás dos sábados e domingos ata a súa data de fin, o venres, 26 de maio.
O prazo para apuntarse empeza mañá, venres, 23 de febreiro, e termina o luns, 4 de marzo. Pódese realizar a través desta ligazón: https://agasp.xunta.gal/gl/course/242047.
Ante calquera dúbida, o Concello pon ao dispor da cidadanía o teléfono 696 446 870 de Protección Civil, que serve para ofrecer axuda á hora de facer a inscrición.