Saturday 16 de November de 2024

A Escola de Familias de San Sadurniño ofrecerá dous novos obradoiros no remate de febreiro e o inicio de marzo


O mércores 28 abordarase a comunicación no seo da familia nas etapas da preadolescencia e a adolescencia, mentres que o mércores 6 de marzo o tema central será o control das perrenchas das nenas e nenos máis pequenos

 

O ciclo Escola de Familias promovido polo Concello de San Sadurniño ofrecerá o mércores 28 de febreiro e o mércores 6 de marzo dous novos obradoiros cos que aprender conceptos e estratexias moi útiles para a crianza das nosas fillas e fillos . A da semana que vén -Casa da Cultura, 17:00h- impartiraa persoal de ASFEDRO e estará centrada na comunicación e nos estilos educativos, co obxectivo de proporcionar claves que melloren a relación intrafamiliar por medio da escoita activa, a empatía ou a asertividade. Temas todos eles moi relacionados que se abordarán da man de especialistas nunha sesión concibida máis como un espazo de diálogo que como unha charla ao uso. Neste caso a Escola de Familias diríxese a nais, pais ou persoas titoras con rapazada de entre 6 e 16 anos. Tanto para ese encontro como para o do día 6, onde se falará de como controlar as perrenchas das nenas e nenos máis pequenos, fai falla inscrición previa no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal.

Os departamentos de Educación familiar e de Servizos Sociais puxeron en marcha o programa Escola de Familias co ánimo de favorecer un desenvolvemento integral da rapazada, desde a etapa preescolar até a adolescencia. Os obradoiros son un punto de encontro onde compartir experiencias sobre a crianza dos fillos e fillas e, ao mesmo tempo, asesorarse con persoas expertas en distintas materias.
Así, o mércores 28 de febreiro, ASFEDRO explicará os diferentes estilos educativos para poder entender as dinámicas que favorecen ou obstaculizan o entendemento coa cativería, sobre todo con aquela que logo vai entrar na preadolescencia ou que xa está de pleno na adolescencia. Etapas da vida ás que cómpre prestarlles a debida atención -en canto a motivación, diálogo e límites- para que o ambiente familiar non derive en conflitos graves ou nunha situación crítica.
A sesión forma parte do “Proxecto de prevención de condutas aditivas” da entidade, en marcha tanto en San Sadurniño como noutros concellos da comarca con financiamento da Consellaría de Sanidade. En total son 3 obradoiros gratuítos. O primeiro é o do próximo mércores, titulado “Comunicación en familia”; o segundo será “Normas e límites na familia”, o 24 de abril, e o último ocuparase da prevención de condutas aditivas o mércores 29 de maio.
Os encontros coordinados por ASFEDRO están pensados para familias con fillas e fillos de 6 a 16 anos e alternaranse con outros dirixidos á crianza de nenas e nenos máis pequenos, de entre 0 e 6 anos. O seguinte terá lugar tamén na Casa da Cultura o mércores 6 de marzo, de 17:00 a 19:00h, co tema “Coñecendo as perrenchas, normas e límites na primeira infancia”.