Monday 25 de November de 2024

Inés Rey reivindica o papel da muller no audiovisual na presentación da II Mostra Internacional Cinema por Mulleres A Coruña


A cidade proxectará entre o 23 de febreiro e o 9 de marzo unha coidada selección de 20 longametraxes internacionais e españolas dirixidas por mulleres

Na xornada inaugural, que tivo lugar no Teatro Colón, cinco realizadoras galegas analizarán o seu papel na industria

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta tarde no Teatro Colón a II Mostra Internacional Cinema por Mulleres A Coruña. A rexedora estivo acompañada sobre o escenario por Carlota Álvarez e Diego Mas Trelles, directores do certame, e Ramón de Meer, márketing manager de Estrella Galicia.
“Estamos ante un gran festival do cinema desde unha perspectiva feminista no que poremos en valor o papel das mulleres no audiovisual”, sinalou a alcaldesa. Rey fixo fincapé na necesidade de que as mulleres teñan máis peso nos postos de realización das grandes producións e puxo como exemplo a Jaione Camborda, gañadora da Cuncha de Ouro por ‘O Corno’. “Contaremos cunha variada selección de drama, comedia ou animación coa que queremos dar a oportunidade aos coruñeses e coruñesas de coñecer o mellor cinema actual e poñer en valor o papel da nosa cidade como capital do audiovisual galego”, engadiu Rey.

Esta edición comezou no Teatro Colón cunha mesa redonda moderada por Chelo Loureiro (Ferrol, directora e produtora de cinema gañadora de catro premios Goya). Nela participaron relevantes directoras de cinema como Ángeles Huerta (A Coruña), Jaione Camborda (San Sebastián-Santiago de Compostela), Olga Osorio (Lugo) e Paula Cons (A Coruña). O obxectivo deste encontro non foi só para visibilizar o seu traballo, senón para poñer en valor o protagonismo destas profesionais no auxe da ficción audiovisual galega, con películas producidas na comunidade ou rodadas en Galicia e en galego.

Inés Rey mostrou a súa confianza en que esta Mostra Internacional Cinema por Mulleres A Coruña teña continuidade no tempo e siga medrando cunha programación máis extensa e diferentes actividades paralelas como a que tivo lugar hoxe no Teatro Colón. “Agardamos que este ciclo atope na Coruña un lugar de crecemento que nos traia moitos máis filmes e oportunidades para coñecer o talento audiovisual e o talento feminino”, indicou.

Programación

A mostra está composta por unha coidada selección de 10 longametraxes internacionais e 10 españolas dirixidas por mulleres e realizadas entre 2022 e 2023. As 20 películas que conformarán a II Mostra son as que participaron na Competición Internacional e a Competición Española do “VI Festival Cine por Mujeres Madrid”, que tivo lugar do 24 de outubro ao 5 de novembro de 2023. Proveñen de países tan variados como Lituania, Bélxica,Francia, Marrocos, Reino Unido, Corea do Sur, Canadá, Grecia, México, Alemaña, Israel, Países Baixos, Chile, Suecia e, obviamente, España. Destas 20 longametraxes, a metade
serán estreas absolutas para o público coruñés: 6 internacionais e 4 españolas.

Entre elas, atópanse longametraxes con múltiples premios en festivais internacionais como ‘How to have Sex’ da directora británica Molly Manning Walker e ‘O corno’ de Jaione Camborda, gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián. A dita directora presentará o pase da súa película en Los Cantones Cines e manterá un coloquio posterior co público.

Ademais, cabe destacar que 7 das películas programadas para a II Mostra Internacional de Cinema por Mulleres A Coruña contaron con diversos propostas e premios nos Premios Goya 2024: ‘20.000 especies de abejas’, de Estibaliz Urresola Solaguren; ‘El maestro que prometió el mar’, de Patricia Font; ‘Creatura’, de Elena Martín Gimeno; ‘O Corno’ de Jaione Camborda; ‘Chinas’, de Arantxa Echevarría; ‘El sueño de la sultana’, de Isabel Herguera e ‘La memoria infinita’, de Maite Alberdi.

A programación completa pódese consultar na seguinte ligazón, mentres que as entradas están xa dispoñibles na páxina web de Cantones Cines.