Friday 22 de November de 2024

Ofrenda cívica, lectura de poemas e “caldo de groria” para o Día de Rosalía de Castro de 2024 na Pobra do Caramiñal


No 23 de febreiro realizaranse en todo o territorio galego numerosos actos de lembranza e homenaxe a Rosalía de Castro. Un ano máis, o Concello da Pobra do Caramiñal conmemora esta data e na xornada de mañá desenvolveranse as actividades centrais da axenda deseñada pola Concellaría da Cultura.

Ás 13.00 horas realizarase a tradicional ofrenda cívica na praza que leva o nome da escritora, coa lectura dun manifesto e o repartimento do “caldo de groria” entre as persoas asistentes.

Con anterioridade, ás 12.00 horas, estará no teatro cine Elma o grupo de música tradicional Xiada e ofrecerase unha lectura e interpretación de poemas a cargo de alumnado do CEP Pilar Maestú Sierra e parte de alumnado do CEP Salustiano Rey Eiras. En caso de mellora das condicións meteorolóxicas, as actividades previstas no Elma trasladaranse á referida praza.

A maiores, cómpre lembrar que a Administración local impulsou outras accións arredor desta data dirixidas ás crianzas, como, por exemplo, o xogo-concurso As Sete Rosalías.