O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, e a concelleira de Cultura Antía Alberte, visitaron Academia de informática Mega Ribeira con motivo da súa participación o vindeiro sábado 2 de marzo na X edición da First Lego League Galicia, un torneo internacional organizado en Galicia pola Universidade da Coruña, a través do Campus Industrial e a Escola Politécnica Superior de Educación de Ferrol.
Este evento trátase dun concurso educativo dirixido a nenos e mozos de entre 6 e 16 anos, onde se fusiona tecnoloxía, ciencia e espírito deportivo a través da construción e programación de robots mediante pezas LEGO e a resolución de retos temáticos.
“O obxectivo principal da First Lego League é promover as vocacións tecnolóxicas e científicas entre os mozos.” explica Alberto Cascallar, técnico de informática e responsable da academia Mega Ribeira. “Outro dos aspectos máis importantes deste evento é a importancia que se lle outorga aos valores: competencia amistosa, respecto aos demais, traballo en equipo, inclusión e innovación. Estes aspectos tamén son valorados polos xuíces do evento.” A Academia Mega Ribeira leva 6 anos participando neste torneo, nos que gañaron varios trofeos nas distintas categorías.
“É unha honra ver como a mocidade do Concello de Ribeira se está a esforzar para acadar as mellores puntuacións neste concurso, e que ademáis están a adicar o seu tempo libre a aprender cuestións relacionadas coa programación e incluso co desenvolvemento de aplicacións que permiten controlar robots a distancia” explicou o alcalde Luís Pérez.