O Concello logrou a concesión de 10.429 euros, dentro dunha liña de axudas da Consellería do Mar a proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP)
O espazo infantil instalarase na Escola de Viñas nas vindeiras semanas unha vez chegue o permiso de Patrimonio
Os alumnos e alumnas dos centros educativos da localidade contarán cunha charla sobre a fauna da ría e o traballo das mariscadoras
O Concello de Paderne logrou a concesión dunha liña de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP). Concretamente, o executivo local recibirá 10.429,01 euros que investirá na Recuperación da cultura mariñeira.
A Consellería do Mar aceptou así a proposta padernesa de instalar un parque infantil temático e desenvolver dúas xornadas sobre o marisco da ría e o traballo do marisqueo como método de recuperación desa cultura mariñeira.
Deste xeito, unha vez chegue nas vindeiras semanas o permiso de Patrimonio, a Escola Infantil de Viñas contará cun parque infantil mariñeiro que non só aumentará a oferta de ocio da instalación educativa, senón que suporá un xeito de que os pequenos e pequenas se acheguen ao mundo do mar de forma lúdica.
A maiores, a liña de axuda financiará dúas actividades de difusión da cultura mariñeira. Por unha banda, unha charla sobre os ‘Mariscos da Ría’ para os alumnos dos centros educativos da localidade que xa foi impartida. Por outra, unha charla futura na que os mariscadores e mariscadoras ensinarán aos estudantes sobre o traballo o seu xeito de traballar e que concluirá cunha degustación do marisco da ría.