Saturday 16 de November de 2024

As concellarías de Innovación e Igualdade reunirán o día 9 no Fórum Carballo a Xanel Vecino, Rocío Pérez, Laura Recarey e Laura Seoane


Inscricións en comunicacion@carballo.gal

“As mulleres teñen a palabra”, unha iniciativa para celebrar en familia, con mesa redonda, sobremesa musical e zona infantil

As mulleres teñen a palabra este 9 de marzo. Por segundo ano consecutivo, dada a excelente acollida que tivo a primeira edición, as concellarías de Innovación e Igualdade suman esforzos para que os actos conmemorativos do Día da Muller inclúan unha celebración na que terán cabida todos os membros da familia, porque mentres os adultos participan na interesantísima mesa redonda que temos preparada ou na sobremesa musical, a rapazada estará moi ben atendida polos monitores da área infantil que poremos ao seu servizo, con xogos, talleres, música e moita diversión.

O obxectivo desta xornada pioneira, coa que avanzamos no camiño iniciado na I Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, é amosarnos que na nosa contorna máis inmediata hai mulleres que son referentes nas súas profesións, e que, malia as dificultades, é posible traballar e trunfar en sectores masculinizados e, ademais, conciliar as vidas laboral e persoal.

Coñeceremos as experiencias e as opinións de catro carballesas con perfís moi diferentes pero que teñen en común, á parte das súas raíces, que todas teñen profesións ou ocupan postos desempeñados maioritariamente por homes:

• Xanel Vecino Bello, doutora en Enxeñería Química pola Universidade de Vigo e investigadora post-doutoral no departamento de Enxeñería Química da Universidade de Vigo. A súa investigación céntrase no tratamento sostible de residuos para xerar produtos de valor engadido, como poden ser os deterxentes naturais ou absorbentes ecolóxicos, mediante o concepto de economía circular.
• Divina Rocío Porteiro Pérez, ou Rocío Pérez, como a coñece todo o mundo dentro e fóra de Carballo. Aínda que a súa faceta máis popular é a de cantante solista, Rocío tamén traballa como condutora de autobús e experta en fogos de artificio. Ao longo da súa vida ten ocupado os postos laborais máis diverso, case sempre en profesións masculinizadas. Contaránolo todo o día 9.
• Laura Recarey Regueira, enxeñeira técnica forestal. Despois de desenvolver traballos puntuais de defensa contra incendios forestais e dunha breve experiencia na emigración en Londres, no ano 2014 incorporouse á explotación familiar e impulsou a creación de Horta Baldaio. Desde o 2021 traballa como enxeñeira técnica forestal para a Administración.
• Laura Seoane Couto é docente, pero a súa participación no encontro As mulleres teñen a palabra está relacionada coa actividade que veu desempeñando ao longo da súa vida no mundo do fútbol, primeiro como xogadora e despois como adestradora.
A xornada comezará ás 19.00 e celebrarase na Escola de Hostalaría do Fórum Carballo. Debido a que a capacidade é limitada, as persoas interesadas en asistir deben inscribirse enviando os seus datos ao correo electrónico comunicacion@carballo.gal.

SOBREMESA MUSICAL E LUDOTECA
Despois da mesa redonda celebrarase unha sobremesa musical, na que se servirá un aperitivo e na que contaremos coa actuación do dúo Black Acoustic, que no seu espectáculo Voces de muller fai un percorrido polos grandes temas da música soul intepretados por mulleres como Aretha Franklin, Nina Simone ou Beyoncé.
Ademais, para facilitar a asistencia de toda a familia, dende as 19.00 ata as 22.00 horas funcionará un servizo de ludoteca onde a rapazada estará atendida por monitores e poderá participar en xogos cooperativos, deportivos e musicais, e talleres. Para os máis peques haberá un recuncho baby que inclúe zona de lectura, xogos populares e pinta e colorea.
Na inscrición para participar na xornada deberá indicarse o número de persoas asistentes e, no caso dos/as nenos/as, as súas idades.