Friday 22 de November de 2024

Neda abre selección para contratar temporalmente a cinco albaneis en situación de desemprego


As persoas interesadas poderán presentar a súa candidatura ata o 28 de febreiro

O Concello de Neda inicia o proceso selectivo para contratar a cinco albaneis no marco do programa de integración laboral, sufragado con fondos procedentes da Deputación da Coruña. A partir de mañá, e por un prazo de cinco días hábiles, as persoas desempregadas interesadas poderán presentar as súas solicitudes para optar aos postos.

A administración local volverá contar, grazas ao PEL Concellos 2024, coa súa propia cuadrilla de albaneis. Estes profesionais traballarán durante cinco meses, cunha xornada a tempo parcial do 87,5 %, realizando obras de mantemento e reparación en vías e parques públicos.

 

A convocatoria vai dirixida a persoas desempregadas en situación de exclusión social. Así, segundo figura nas bases, poderán presentar candidatura ata o mércores 28 de febreiro, entre outras, veciños e veciñas maiores de 45 anos; mulleres; desempregados de longa duración (máis dun ano na busca de emprego); persoas cun grado de discapacidade por riba do 33 %; persoas de fogares monoparentais…

Na selección valorarase a experiencia previa en traballos similares, a formación específica neste oficio, e a dispoñibilidade de carné de conducir, ademais de circunstancias socioeconómicas.

As bases da convocatoria, así como o modelo de solicitude de admisión ao proceso selectivo, poderán consultarse nas oficinas xerais da casa consistorial ou ben na web municipal www.neda.gal