O concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño e a presidenta da Asociación contra o Cancro de Ribeira, María José Carreira, presentaron hoxe a nova edición da gala solidaria anual da Asociación.
A Xunta Local da Asociación contra o Cancro de Ribeira organiza un ano máis a súa gala coa finalidade de recadar fondos para a investigación da enfermidade. Segundo explicou a súa presidenta “a xunta provincial da Coruña repartirá os máis de 800000 euros que se recadaron en fondos de investigación contra o cancro.” O evento celebrarase o día 16 de marzo ás 8 da tarde no salón Chicolino. A entrada ten un prezo de 50 euros, que inclúe a doación para a participación no sorteo dos agasallos, que se realizará dous días antes do evento.
Este ano, a xunta local da Asociación Española contra o Cancro otogará recoñecementos a Manolo Mirás, pola súa implicación coa veciñanza de Ribeira e a posta en marcha de Cáritas Ribeira; ao colectivo Mimarte, pola súa implicación e solidariedade coa xunta local de Ribeira e outras institucións comarcais que prestan servizos á terceira idade; a Miguel Fernández, médico oncólogo, pola súa labor na investigación no ámbito das enfermidades oncolóxicas; e finalmente, ao colectivo de enfermería do Hospital do Barbanza, pola súa implicación durante o COVID e as posteriores campañas de vacinación.
O concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, destacou a importancia da prevención e investigación contra o Cancro e agradeceu á xunta local a súa labor na loita contra esta enfermidade.