Desde hai máis dun mes véñense denunciando ante a Demarcación de Costas os desprendementos de terra no paseo costeiro que une o porto de Santa Cruz co parque As Trece Rosas. Trátase de grandes desprendementos de terra que afectan á estrutura de madeira do paseo costeiro, xerando así un grave problema de seguridade.
No transcurso do paseo costeiro que une Santa Cruz co Parque As Trece Rosas pódense apreciar claramente numerosos e graves desprendementos e ribadas; provocadas polos últimos temporais e fortes choivas, que afectan á estrutura da pasarela de madeira que salva o desnivel desde o paseo de marítimo de Santa Cruz ata o Parque das Trece Rosas; xerando así un grave problema de seguridade para a veciñanza que transita pola contorna.
O Concello reclamará novamente ante Costas o permiso necesario para poder acometer a obra para a posta en seguridade da pasarela de madeira: “O último temporal fixo uns danos tremendos na baía de Santa Cruz, no paseo e tamén na senda que vai desde o paseo ata o Parque das Trece Rosas. É unha senda moi transitada, por centos de persoas a diario. Derrubouse unha parte deste paseo e fixemos unhas modificacións, pero seguimos á espera de que Costas nos dea permiso para facer a obra e que non se derrube máis terreo e non teñamos que cortar o acceso”, manifesta o Alcalde.