O Concello de Frades vén de repartir entre toda a veciñanza do municipio o seu calendario de 2016, editado baixo a lenda “Frades co leite galego”. O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “queremos dedicarlles este calendario aos homes e mulleres que traballan arreo todos os días do ano intentando sacar adiante as súas explotacións gandeiras para ter un futuro no noso concello e seguir vivindo en Frades como fixeron os seus pais, nais, avós e avoas. Por eles, que ante as dificultades e atrancos que están a vivir responden con ilusión, traballo, orgullo e dignidade, e que loitan por conseguir unhas condicións xustas de traballo, cada mes deste calendario quere ser unha homenaxe e un agradecemento”.
As simpáticas fotografías do calendario están protagonizadas por un grupo de nenos e nenas de Frades realizando actividades relacionadas co sector lácteo: alimentando ás vacas, bebendo leite 100% galego ou montados nuns tractores de xoguete. Canda eles tamén figuran imaxes da Cooperativa Central de Frades e do monumento á muller rural-leitera de Frades, emprazado na praza de Ponte Carreira. Todas elas co logotipo de “Galega 100%, o leite co noso selo”.
Ademais dos teléfonos de interese no municipio (Concello, centros de saúde, emerxencias…), o calendario achega información moi útil para a veciñanza, dende as fases da lúa ata os días de Feira (en Abellá e Ponte Carreira), os festivos (locais, autonómicos e nacionais), así como un adianto das distintas actividades programadas polo Concello de Frades para este 2016 (concurso de disfraces, distintas festas populares, festa dos maiores, festa do neno, etc). Roberto Rey agredeceu a colaboración desinteresada de todas as persoas que participaron na elaboración deste calendario: nenos e nenas de Frades, Cooperativa Central de Frades, Finca Canedo e Gandería Boga Barreiro SC.