Friday 22 de November de 2024

O Chanfaina Lab exhibirá este sábado unha trintena de curtametraxes


A Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá a partir das 17:30h a estrea das pezas producidas na oitava edición do encontro audiovisual

Chegou o día de descubrir as miradas dos equipos de cineastas que percorreron San Sadurniño a primeiros de setembro para reflectir realidades e crear ficcións no grande escenario que é o noso territorio. Este sábado á tarde, a partir das 17:30h, asistiremos na Casa da Cultura ás estreas da oitava edición do Chanfaina Lab, o encontro que xa se consolidou como un dos grandes referentes do audiovisual galego. En pantalla veremos exactamente 30 curtametraxes repartidas en dous pases cun pequeno descanso no medio. Máis de tres horas de cine na que volverá haber de todo: documental, experimental, drama, humor e incluso terror onírico (deixémolo así, non imos facer spoilers).

O evento comezará xa media hora antes, ás 17:00h, cando empezarán a chegar para a estrea os e as participantes. Non haberá alfombra vermella, pero si o resto do cerimonial que adoita vestir as galas de entrega de premios do cine, aínda que sen premios.

E é que o Chanfaina é un festival atípico por iso precisamente, xa que nel non hai galardóns para ninguén, senón que a recompensa é poder filmar durante unha fin de semana contando co apoio loxístico da organización e da veciñanza que se implica nos proxectos en tarefas de produción, técnicas e interpretativas, sen contar que durante tres días se vive nun ambiente de camaradería e de constante intercambio e aprendizaxe que enriquece o resultado final das pezas.

Iso si, malia non haber premios, todos os equipos participantes teñen liberdade para presentar as súas curtametraxes a outros certames e, de feito, a estrea en San Sadurniño adoita ser para moitas o inicio dun percorrido exitoso por festivais do circuíto estatal e internacional.

O acto deste sábado estará conducido pola actriz Isabel Risco e pola concelleira de Cultura, Araceli Bellas, quen abrirán a tarde presentando a todas as creadoras e creadores da oitava edición. Repetindo a posta en escena doutros anos, todas e todos -cerca de medio cento- subirán en grupo ao escenario para presentar brevemente de que vai a súa peza procurando non destripar desenlaces. Cada equipo recibirá, ademais, a “Lola Chanfaineira” -unha boneca feita con plana de millo- como recordo do seu paso polo Chanfaina Lab.

E, posteriormente, a iso das 18:15h, comezará un pase cinematográfico que debido á grande cantidade de pezas -30 en total- se partirá en dúas sesións: 15 curtametraxes até as 19:40h, logo descanso de vinte minutos para estirar as pernas e comentar o visto ata ese momento, e das 20:00h en diante, segunda metade das proxeccións ata preto das 22:00h.

A entrada na estreas é libre ata completar a capacidade do auditorio da Casa da Cultura, que adoita quedar pequena para darlle cabida a participantes, persoas que botaron unha man, familiares e público. Por iso desde Cultura recoméndase chegar con tempo suficiente para coller sitio antes do inicio das proxeccións.

Quen non poida vir por calquera motivo debe saber que as curtametraxes irán estreándose de venres en venres a partir da semana que vén na canle de Youtube do Chanfaina Lab, onde tamén están dispoñibles as máis de 150 pezas producidas nos seus case dez anos de historia.

O encontro audiovisual é unha iniciativa do Concello de San Sadurniño que conta co patrocinio da Deputación da Coruña a través da convocatoria anual para festivais musicais e audiovisuais.

PROGRAMA

17:30 h: Presentación e entrega das “Lolas chanfaineiras”
18:15 h: Proxeccións VIII Chanfaina lab
1. Tempo vertical – Lois Patiño
2. Vellamorta – Juan Galiñanes
3. A vida que houbo – Francisco X. Cela
4. A terra é vella – Félix Brixel
5. O pano de seda – Kevin Lorenzo
6. A pena de Vicente – Abel Vega
7. Velos na Tebra – Iago Lourido
8. O caldo de Marina – Bieito Beceiro
9. A illa de Helios – Tono Mejuto
10. Resonancias – Adriana Páramo /Diana Gonçalvez
11. A última fonte – C. Bouza, C. Couce, C. Piñón
12. Eu quero unha pipa – Candela Conde
13. Erosión – Ánxela Arnosa
14. Catarse – Aroa Calvo
15. Pedro Chosco – NaraíoMedia

19:40 h: DESCANSO
20:00 h: Proxeccións VIII Chanfaina lab
16. A lenda do pozo dos donceis
X.M. Rabón/Víctor Rico
17. Dedos do demo, ollos de cabalo – Nela Fraga
18. Xangal, detective paranormal
Xoán Rodríguez Caridad
19. Eu, a escola – Fran Bermúdez
20. Anguria – Cruz Piñón
21. Ikigai en Sansa – Manolo Gómez
22. Noite de estrelas – Memoria e Cinema
23. O Cal – Miguel A. Romero
24. Miña cor preferida é o verde – Pablo Martínez
25. 7 +1 – Soraya Yáñez
26. Aínda hoxe as horas – Mirian Opazo
27. O seixo sentido
Noa Cortizas/Suebia Fernández
28. Muíño d ́abaixo – Cristina Souto
29. Na procura da nosa deusa Nabia – Ignacio Vilar
30. O encanto da natureza – Catalina Rodríguez