O Concello de Ribeira ven de solicitar unha subvención para impartir a acción formativa de “Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio”, do Plan Formativo para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia. Así, contratará a un docente mediante contrato de servizos para a docencia e titorías de dito curso, cunha duración total de 618 horas.
As persoas interesadas que presenten oferta, tamén terán que presentar o seu currículo xustificado, tendo que ser validado antes do comezo do curso pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Asi mesmo, será preciso presentar a correspondente alta en autónomos.
As ofertas presentaranse de forma telemática a través do sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (SILEX), no prazo de 10 días naturais dende o día seguinte á publicación no perfil do contratante do Concello de Ribeira.
A documentación a presentar deberá incluír; a solicitude de participación e oferta económica nos termos do modelo establecido, que deberá figurar debidamente cuberto e asinado; a titulación académica e acreditación da Competencia Docente ou do Certificado profesional de habilitación para a docencia e unha fotocopia do DNI da persoa interesada.
“Dende o Concello temos o obxectivo de promover a empregabilidade e mellorar as oportunidades laborais da veciñanza. Este curso non só proporcionará aos participantes valiosas habilidades e coñecementos técnicos, senón que tamén lles dará acceso a un sector cunha demanda crecente de profesionais cualificados.” explicou a concelleira de Emprego Veva Betanzos.