Os dous primeiros ‘Premios Coopera 2015’ recaeron nun proxecto de loita contra a violencia machista na Mariña e outro para mancomunar a Casa de Acollida de Ferrol
A Xunta de Galicia vén de comunicar aos premiados o resultado dos ‘Premios Coopera 2015’, cos que se recoñecen os mellores proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas.
Os premios convócanse en réxime de concorrencia competitiva e queren distinguir ás entidades locais que opten por este tipo de iniciativas de fomento do asociacionismo municipal. Con este obxectivo establécense tres categorías de premios, con 40.000, 25.000 e 12.500 euros, respectivamente.
‘Puntos limpos para a xestión de residuos machistas’
O primeiro premio foi para a Mancomunidade de Concellos da Mariña lucense polo proxecto denominado “Puntos limpos para a xestión de residuos machistas”. Tratase dunha estrutura e rede de persoal, recursos e infraestruturas, capaz de actuar de forma permanente e transversal fomentando a igualdade de oportunidades e actuando contra a violencia de xénero.
Ao igual que os puntos limpos dedicados a recollida selectiva de residuos, a clave é que en cada fogar se faga unha separación previa dos residuos, identificar os residuos que se poden reciclar, identificar aptitudes, crenzas, comportamentos problemáticas e prácticas machistas, sexistas e desigualitarias para actuar sobre elas co obxectivo de modificalas e, se é posible, eliminalas.
Neste proxecto asociáronse quince concellos: Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, a Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, que suman esforzos para dar solución, desde a súa xénese, a un dos problemas sociais máis importantes que hai hoxe en dia: a violencia machista.
Xestión compartida da Casa de Acollida de Ferrol
O segundo premio foi para a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que presentaron un proxecto piloto de xestión compartida da casa de acollida ferrolá, estendendo o seu servizo aos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño.
Este servizo especializado ofrece ás mulleres e ás súas fillas e fillos, vítimas de malos tratos, un aloxamento temporal nun entorno de seguridade, con atención integral no que se promove a súa recuperación e se favorece o proceso de desenvolvemento da súa autonomía e independencia.
A Casa de Acollida de Ferrol iniciou a súa andaina en 1986, sendo o primeiro centros destas características na nosa Comunidade Autónoma. Mancomunar este servizo público suporá mellorar as infraestruturas e a atención prestada no mesmo, ao tempo que favorecer a situación das vítimas da violencia machista en toda a comarca.
Recollida de residuos de aparellos eléctricos
Por último, o terceiro premio recaeu no proxecto ‘Minora’, da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza, no que se propón a mellora do modelo de xestión compartida do servizo de recollida selectiva de residuos.
Neste proxecto, os concellos de Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Porto do Son, Rois, Ames e Pontecesures unen esforzos para mellorar este servizo en tres ámbitos: adaptación do servizo ao RD 110/2015, sobre residuos de aparellos eléctricos; implantación das novas tecnoloxías para a interactuación cos usuarios; e un labor de concienciación a cidadanía como peche do sistema, que garanta o seu correcto funcionamento.