Friday 22 de November de 2024

A pista vermella do Chorís será substituída por un novo pavimento que tamén facilitará o seu uso deportivo


O alcalde e os concelleiros de Deportes e Servizos visitaron as obras, nas que estamos a realizar un investimento de algo máis de 38.000 euros

Despois de oito anos de uso intenso, as pranchas plásticas que recubrían a pista perimetral do Chorís, e que no seu momento supuxeron toda unha innovación, xa que se trataba dun firme especialmente deseñado para correr e camiñar, xa son historia.
Hoxe achegáronse ata o barrio do Chorís o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Deportes, Daniel Pérez, e Servizos, Miguel Vales, para visitar as obras de renovación da senda, que ten 750 metros de lonxitude e 1,5 metros de ancho. Nestes momentos, e unha vez retiradas as pranchas, estase a preparar o terreo para substituílas por un novo pavimento.
O barrio do Chorís manterá a súa pista vermella, pero agora será de mestura bituminosa en quente do tipo MSR-6. Os servizos técnicos optaron por un pavimento de media densidade, máis resistente que as pranchas plásticas, para evitar o deterioro da senda nas zonas de acceso a garaxes ou empresas, polas que transitan vehículos; pero que ao mesmo tempo reúne unhas características que facilitarán tamén o seu uso por persoas que camiñan ou corren.
As obras, executadas pola empresa Canarga, teñen un orzamento de algo máis de 38.000 euros e estarán listas en cuestión de semanas.