Friday 22 de November de 2024

Unha nova edición da mostra de teatro escolar achega catro sesións ao Elma


Catro funcións integran a mostra de teatro escolar que organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Este ciclo desenvolverase nos martes e xoves das dúas últimas semanas de febreiro, no teatro cine Elma, ás 12.00 horas.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, indica que, se cada outono/inverno se artellan programas teatrais para público adulto cos ciclos profesional e afeccionado, tamén se opta por achegarlles as artes escénicas aos centros educativos da localidade. Ao ser saídas programadas cos propios colexios, non se require inscrición previa.

Talía Teatro desprazarase ao municipio no martes 20 con Lambetadas. Trátase dun espectáculo que ten como obxectivo a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. Mediante o xogo escénico e o humor, os protagonistas pasarán por situacións cómicas que os levarán a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas, pero descubrirán que a identidade está na propia lingua porque con ela se poden saborear as lambetadas máis doces e variadas.

No xoves 22 será a quenda de As palabras perdidas, con Inventi Teatro, onde a Condesa Colorada e o seu axudante Leocadiof son viaxeiros chegados dende moi lonxe. A Condesa, unha coñecida contadora con fama internacional disponse a narrar o seu relato preferido, pero, ao abrir o libro, cae na conta de que o seu conto está cheo de buracos. Faltan palabras moi importantes que fuxiron da historia, borradas por falta de uso, e unicamente retomando a súa utilización volverán ao texto.

A función Valente e rebelde, de Trémola Teatro, escenificarase no martes 27. Lucía L. Golán e Paula Regueiro darán vida a dúas irmáns que vivirán mil e unha aventuras a través de xogos e disfraces para demostrar que o mellor é ser valente e rebelde.

E Producciones GCB levará ás táboas A dobraxe dos dibus, no xoves 29.