Friday 22 de November de 2024

O Programa Integrado de Emprego inicia a acción formativa sobre o servizo de comidas en centros sanitarios e sociosanitarios


Esta iniciativa é organizada polo Concello e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

que se está a desenvolver na Laracha iniciou hoxe unha acción formativa específica sobre o servizo de comidas en centros sanitarios e sociosanitarios. Conta con quince participantes, que aprenderán as estratexias e modos de actuación nos comedores destes centros de restauración colectiva. O curso vaise desenvolver ata o 22 de marzo nas instalacións do centro sociocultural de Lendo, que conta co equipamento necesario para poder levar a cabo esta iniciativa. Precisamente ata ese lugar acudiron o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, para darlles a benvida ás participantes.

As accións formativas do Programa Integrado de Emprego da Laracha pretenden dar resposta ás oportunidades laborais existentes no municipio e na súa área de influencia en sectores con crecente demanda de traballadores cualificados. Ademais da que comeza hoxe, tamén se realizan cursos relacionados coa hostalería -cociña e restauración básica-, loxística -xestión e condución da carretilla elevadora-, comercio -xestión de vendas, marketing directo e utilización de redes sociais na xestión comercial- e servizos -operario de limpeza-.

Para completar as accións formativas, o servizo de orientación laboral do Programa Integrado de Emprego promove a realización de prácticas non laborais en empresas colaboradoras. Con este fin realízase unha labor de prospección laboral, tanto achegándose ao sector empresarial comarcal como xestionando ofertas de emprego remitidas por empresas que se atopen na procura de persoal capacitado.

Se algunha empresa está interesada, pode poñerse en contacto co persoal técnico do Programa Integrado de Emprego da Laracha por teléfono chamando aos números 981309891, 981612811 ou 621007079, ou ben por correo electrónico en programaintegradoemprego@alaracha.gal.

A través do Programa Integrado de Emprego da Laracha, o Concello e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia continúa apostando polo desenvolvemento de políticas activas de emprego poñendo en marcha iniciativas dirixidas a mellorar a formación das persoas que se atopan en situación de desemprego coa finalidade de aumentar as súas opcións de inserción no mercado laboral.