Saturday 16 de November de 2024

Neda abre o prazo de inscrición para o espectáculo infantil co que conmemora este venres o Día de Rosalía


A biblioteca programará “Cantamos con Rosalía!” de Luis Vallecillo

O Concello de Neda súmase este venres pola tarde á celebración do Día de Rosalía, unha xornada para pór en valor a figura e a obra da poetisa máis recoñecida das letras galegas. A Biblioteca municipal celebrará esta data especial no calendario cultural co espectáculo infantil “Cantamos con Rosalía?”, para o que se abre o prazo de inscrición.

No marco do programa “Lesme un conto?” chega á vila o día 23 esta proposta na que, a través da música, dos xogos, e do baile, o compositor, actor e músico Luis Vallecillo comparte como chegou a Galicia dende o seu Madrid natal, na busca das orixes da autora de, entre outras obras, Cantares gallegos e Follas Novas, auténtica pioneira da nosa literatura. Un proceso de busca no que o actor descubriu e aprendeu a falar e escribir esa ”lingua máxica” que é o galego.
“Cantamos con Rosalía!”, dirixido a nenos e nenas de entre 3 a 10 anos, porase en escena a partir das 18 horas. A actividade, fixada na data en que se conmemora o 187 aniversario da escritora, será totalmente de balde e para participar cómpre anotarse con anterioridade, chamando á biblioteca municipal (teléfono 981 39 02 33). A iniciativa conta co apoio da Deputación da Coruña.