Ademais de diversas firmas asociadas a comercios e productores de proximidade, tamén se visibilizará a creadores e creadoras en eidos como a ilustración, o bordado e a moda
O Concello da Coruña promove unha fin de semana máis os Mercados Ecolóxicos Municipais, que volven este domingo 18 ao Campo da Leña nun formato de horario continuo de 10.00 a 15.00 horas.
Como xa é habitual, máis de vinte firmas asociadas a comercios e productores de proximidade habilitarán os seus postos de venda en horario matinal. Desta forma, as persoas que se acheguen mañá ao Campo da Leña poderán adquirir produtos de horta, asícomo carne e ovos de produción ecolóxica. Ademais, tamén haberá espazo para os creadores culturais, como ilustradoras e profesionais do bordado.
En paralelo, e sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables, disporanseespazos de dinamización infantil e tamén se porá en marcha un obradoiro ideado para o gozo das nenas e nenos, que poderán aprender a crear variñas máxicas. A inscrición no taller abrirase ás 10.00 horas, e a capacidade prevista na sesión é dun máximo de 15 pequenas e pequenos.
A programación de actividades, por horarios, será a seguinte:
● De 10.00 a 15.00 horas
○ Espazo de dinamización infantil.
○ Posto dos desexos.
● De 11.30 a 12.30 horas: Obradoiro infantil de variñas máxicas.
Así funciona o formato rotatorio dos mercados ecolóxicos municipais
Co obxectivo de poder ofrecer e expandir os produtos ecolóxicos e de orixe ética e local ao maior número de persoas, o Concello está a lle dar continuidade ao novo formato rotativo dos Mercados Ecolóxicos Municipais, que estenderá este evento polos diversos barrios da cidade nos vindeiros meses.
A outra gran novidade deste formato dos Mercados Ecolóxicos Municipais é a súa realización todas as fins de semana do mes: o primeiro e o terceiro domingo, no Campo da Leña, e o segundo domingo de cada mes na praza da Tolerancia, en Labañou. Xa o último domingo do mes, o mercado vai rotando por distintos barrios, como Novo Mesoiro o Parque Europa de Catro Camiños e a praza de San Cristovo, nos Mallos.
Neste sentido, hai dúas modalidades de mercado: o mercado ecolóxico, que é o que se realiza no Campo da Leña, e o mercado de compra sostible, correspondente ao da praza da Tolerancia e outros lugares. Os mercados do Campo da Leña están especializados en produtos ecolóxicos, que acreditan criterios éticos e sostibles na súa produción, elaboración ou materias primas. Os mercados na praza da Tolerancia, e outras localizacións, fomentan a economía circular e a compra responsable, aplicando a regra dos 4R. O obxectivo é poder ofrecer o maior número de produtos de economía sostible e actividades paralelas como
obradoiros, concertos e actividades para as e os máis pequenos.
Todos os mercados se realizarán no mesmo horario, de 10.00 a 15.00 horas. A este respecto, a información relativa a cada evento pódese atopar nas redes sociais do mercado (@mercaecocoruna) e nas do Concello da Coruña.