Thursday 21 de November de 2024

O Concello activa o Plan de Limpeza Intensiva Barrio a Barrio que percorrerá toda a cidade con accións complementarias de limpeza do espazo público


O dispositivo, promovido polo Goberno de Inés Rey, ponse en marcha este luns. Ademais de hidrolimpiadoras e baldeo de alta presión, ampliarase o servizo de barrido mecánico

O Concello da Coruña pon en marcha este luns 19 un plan especial para garantir unha limpeza intensiva e en profundidade nas rúas, beirarrúas e, en xeral, nos espazos públicos da cidade.

O plan, denominado Barrio a Barrio e impulsado polo Goberno de Inés Rey, é unha medida complementaria e adicional que se suma ao servizo habitual de limpeza viaria, e que terá continuidade no tempo, xa que o obxectivo é que o plan chegue a todos os barrios da Coruña a través dun formato rotatorio mensual.
“Comezaremos a traballar este luns nos barrios dos Rosales e Labañou, onde se intensificará a limpeza viaria das rúas con hidrolimpiadoras e baldeo de alta presión.
Ademais, ampliarase o servizo de barrido mecánico”, detallou hoxe a concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz.

Este plantexamento será o que se leve, de forma paulatina, a todos os barrios da cidade.
Tras Os Rosales e Labañou —onde os traballos durarán catro semanas consecutivas—, será o turno do barrio da Agra do Orzán e, a continuación, de barrios como o Ventorrillo e a Sagrada Familia, distritos nos que tamén se executará este plan de carácter mensual atendendo tamén ás súas necesidades específicas.

A idea, tal e como lembrou Noemí Díaz, “é que os traballos se executen ampliando o radio de acción de forma progresiva cara os barrios lindeiros, un tras de outro. É dicir, extendéndose dun barrio a outro para que haxa unha continuidade en termos xeográficos”.

A data de comezo, á conclusión das festas de Entroido
Barrio a Barrio activarase este luns 19, unha vez remate a programación prevista polas festas de Entroido na Coruña. A meirande parte de celebracións tiveron lugar entre o luns e o Martes de Entroido, mais aínda hai festexos e ruadas que terán lugar en diversos barrios ao longo da fin de semana, de aí que se optase por activar mañá o plan complementario de limpeza viaria, co obxectivo de iniciar os traballos toda vez rematen as actividades ao aire libre, sen obstaculizalas.