A Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago, conmemorará na praza de Mazarelos o 187º aniversario do nacemento da escritora, figura central das nosas letras sobre a que pivotará gran parte das actividades. O concerto de Loita Amada, o pasarrúas rosaliano dos Quinquilláns, o proxecto Indóciles ao redor da obra de Luísa Villalta ou o recital organizado pola editora Chan da Pólvora son algúns dos pratos fortes da edición deste 2024
O Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago, celebrará os vindeiros días 23 e 24 de febreiro a súa sexta edición para conmemorar o 187º nacemento da escritora, figura poliédrica das nosas letras que ano a ano continúa a se enriquecer a medida que evoluciona a nosa cultura. O programa deste 2024, que terá na compostelá praza de Mazarelos o seu epicentro, desenvolverase baixo o lema ‘Un grande atrevemento’ e conxugará poesía, escena, música, artesanía e narración oral para celebrar a potencia creadora na nosa lingua. En total, o Festival Rosalía ofrecerá unha quincena de actividades repartidas entre o venres 23 e o sábado 24 de febreiro.
Adiantouno así esta mañá en rolda de prensa a deputada provincial de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Soledad Agra, xunto á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o escritor e editor Antón Lopo. Na súa intervención, Agra salientou que “encheremos Compostela para celebrar novas creatividades en lingua galega”, ao tempo que incidiu en que nesta edición hai “un programa intenso, variado e diverso para todo tipo de publicos”.
Pola súa banda, Goretti Sanmartín destacou que “Rosalía de Castro foi pioneira, vangardista e atrevida, o que dá título a esta edición, Un grande atrevemento”, antes de concluír que “un dos maiores atrevementos de Rosalía xa non só foi facer os poemas de Cantares Gallegos e Follas Novas en galego, senón tamén facer o prólogo de Cantares Gallegos en galego naquela altura”.
Ao respecto do programa —que inclúe un recital, a presentación de libros, un pasarrúas escénico, varios concertos, un concurso colectivo de coñecemento sobre Rosalía ou mesmo unha feira artesá—, destacouse ante os medios a clara vontade que atravesa o conxunto de actividades para pór en valor a diversidade e a calidade da creación artística da nosa lingua e as novas dimensións que se lles outorga desde diferentes disciplinas tanto á figura de Rosalía como ao noso idioma.
Un cartel para dous días
O Festival Rosalía brindaralle ao público dúas xornadas intensas de actividade. A primeira delas, o venres 23, arrincará ás 17.00 h coa apertura da Feira de produtos con “marca Rosalía”. Xusto media hora despois, ás 17.30 h, chegaralle a quenda a Somos fíos, somos fontes, somos regatos pequenos, unha sesión de contacontos familiar da formación a Trastenda dos Contos. Durante esta peza trazarase un percorrido pola traxectoria da nosa poeta fundacional.
Ás 19.00 horas, Isabel Risco e Fran Rei encarnarán a Rosalía de Castro e máis a Eduardo Pondal no seu espectáculo escénico Dúo vaguedades, unha montaxe que fusiona música, audiovisual, teatro e humor. E xa ás 20.30 horas, o Festival Rosalía recibirá Indóciles, proxecto multidicisplinar que reúne a cantante e compositora Mónica de Nut, a narradora oral Vero Rilo e a resitadora Nuria Vilán Prado (coñecida artisticamente como Nuria Vil) para achegarlle ao público a obra de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano.
Ópera e pasarrúas
O sábado abrirá ás 12.00 h con Ópera Break’s, un espectáculo que mestura canto lírico, break-dance, Beatbox e Dj nunha única función de grande calidade artística ao unir en escena a soprano Esperanza Mara e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola. Ás 13.30 horas, chegará a Sesión Vermú da man de Luís Vallecillo, que actuará para o público familiar co seu espectáculo Cantamos con… Rosalía de Castro!
Ás 16.30 h, o grupo Quinquilláns ofrecerá un pasarrúas teatralizado que percorrerá a cidade nun circuíto circular. Esta ruta viaxará a 1880. Rosalía está a piques de abandonar Compostela e, na compaña do seu amigo Paz Novoa, pasea polo zona vella. Ás 17.00 h, terá lugar Contos nunha roda, sesión de narración oral baseado en Rosalía de Castro e nos seus Cantares gallegos.
Media hora despois, ás 17.30 h, dará comezo o Quiz Rosaliano, un concurso aberto para que cadaquén amose os seus coñecementos sobre a autora e gañar algún dos paquetes cos produtos rosalianos que se entregarán como recompensa. Ás 18.30 horas, a investigadora Pilar García Negro presentará o seu libro Intenso e solidario Feminismo. Estudios Rosalianos, na compañía da editora Mª Carme Pérez-Sanjulián.
Poesía e Loita Amada
Ás 20.00 horas, Chan da Pólvora Editora reunirá no recital O atrevemento da voz nos versos catro voces que fixeron da oralidade un instrumento de potencialidade poética: Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño, Lúa Mosquetera e a xa amentada Nuria Vil. Nesta sesión, pártese de diferentes poemas de Rosalía para levantar un recital no que a poesía será repensada para ser escoitada, mais tamén para ser vista.
E para lle pór o ramo á súa sexta edición, o Festival Rosalía despedirase ás 21.15 h coa actuación de Loita Amada, que presentará o seu traballo discográfico Rematou o simulacro. A banda está conformado por Jásper, (guitarra e voz), Amós Varela (batería), María Prado (trompeta e voces), Xiana Naval (trombón), Iván Bernárdez (baixo) e Iván Barreiro (Guitarra).