O Entroido pobrense concluirá na fin de semana con dúas actividades ao abeiro da programación impulsada pola Concellaría da Cultura para festexar estas datas.
O enterro do Felipiño do Maño terá lugar no sábado 17 organizado pola veciñanza da parroquia do Xobre. Este singular cortexo fúnebre partirá ás 18.00 horas desde O Campo do Maño co acompañamento do grupo de gaitas Trécola e a charanga BB+. Tras face-lo percorrido tradicional polas rúas da vila, procederase coa incineración do peculiar personaxe na rampla do peirao, a carón da praia dos Areos.
E no día 18 celebrarase o Domingo de Piñata na Crocha, das 18.00 horas en diante, cunha chocolatada e música tradicional como colofón a varias xornadas de Entroido.