Os traballos no conxunto construtivo, situado entre os números 15 e 21, suporán a substitución da cuberta e a reparación das humidades tanto nas vivendas como nos espazos comúns do edificio
A Xunta de Galicia licitou hoxe por un importe de máis de 926.000 euros as obras de mantemento dun inmoble de vivendas de promoción pública construído entre os números 15 e 17 da rúa Ribeira Sacra, no polígono de Mesoiro (A Coruña).
O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) sacou de novo a concurso o contrato das obras de substitución da cuberta e reparación de humidades deste inmoble dado que a licitación anterior quedara deserta.
O procedemento, iniciado hoxe na plataforma de contratos de Galicia, suporá distintas intervencións como o desmontado das pranchas de zinc preexistentes na cuberta do edificio e a colocación dun novo acabado baseado en paneis sándwich. Os traballos tamén suporán a reparación e impermeabilización da cuberta dos núcleos de comunicación vertical do conxunto construtivo e a substitución das claraboias .
Nas vivendas e espazos comúns da última planta a licitación do contrato inclúe reparacións que van desde o selado das carpintarías ata a inxección de illamento na cámara de aire, o pintado dos paramentos interiores ou a substitución de pezas danadas dos pavimentos de madeira.
As empresas interesadas en presentar as súas propostas para facerse co contrato teñen de prazo ata o próximo 19 de marzo para realizar as súas ofertas.