O Concello de Neda volverá activar neste 2024, o seu programa de integración laboral, co apoio económico da Deputación da Coruña. A través desta iniciativa buscarase incorporar ao mercado de traballo a veciños/as inscritos/as como demandantes de emprego, con especiais dificultades de inserción laboral.
Con cargo a unha axuda de 40.000 euros, concedida no marco do Plan de Emprego Local (PEL Concellos), Neda dotarase dunha cuadrilla de albaneis para desenvolver pequenas actuacións de interese xeral en espazos públicos e instalacións municipais. En total, serán cinco persoas as que se incorporarán temporalmente ao cadro de persoal do Concello.
O programa, que terá unha duración de seis meses, irá destinado fomentar o emprego mediante a contratación de persoal para a prestación dos servizos básicos e a execución de pequenas obras de reparación e mantemento relacionadas con eses servizos. O programa estenderá a súa vixencia como máximo ata final de ano.