Saturday 23 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño inviste preto de 60.000 euros no aglomerado da pista que vertebra Cornide


A empresa Explotaciones Gallegas S.L. traballa estes días na zona de Cornide para renovar por completo o firme do Camiño da Bidueda, o eixo lonxitudinal que artella o lugar desde o seu punto máis elevado até a confluencia coa AC-862. Son 800 metros de estrada cuns seis metros de ancho medio aos que se lles vai botar unha capa de aglomerado asfáltico, co obxectivo de subsanarlle os desperfectos e incrementar a vida útil da vía. O investimento total ascende a 59.622 euros, ive incluído, financiados con cargo ao POS+.

A obra consistirá na extensión dun novo firme de 5 centímetros de espesor e cunha plataforma máis uniforme e adherente que ofreza maior seguridade desde o enlace coa estrada de Ortigueira até o cruzamento co camiño da Braña.

O proxecto licitouse en 61.472,85 euros e foille adxudicado a Explotaciones Gallegas S.L. cunha oferta que rebaixaba ese importe en 1.850 euros. Os traballos iniciáronse estes días e, de feito, hoxe mesmo quedou listo o aglomerado de máis da metade do trazado, concretamente o tramo comprendido entre a AC-862 e o desvío que baixa até a Cortiña, que xa conta con este mesmo tipo de firme.

Os operarios que traballaban esta tarde na obra comentaban que ao longo deste venres se levará a cabo a pavimentación dos 350 metros de estrada que faltan, ademais de igualar os niveis do firme -os chamados “abanos”- nas interseccións dos camiños adxacentes ao principal. Unha vez finalizados os labores de aglomerado só quedaría pendente o pintado da sinalización horizontal.

O arranxo da estrada de Cornide era unha demanda veciñal que o Concello incluiu no POS+ do ano pasado. Neste núcleo de San Sadurniño, o máis poboado despois do centro urbano, tamén se estiveron executando nas últimas semanas traballos de mellora da rede de abastecemento e, ademais, en 2023 destináronse 18.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental á renovación de toda a iluminación pública, que agora funciona con tecnoloxía led consumindo un 60% menos de electricidade.