Friday 22 de November de 2024

A Xunta concede máis de 1,3 millóns de euros a 42 concellos da provincia da Coruña para a promoción da igualdade


Susana López Abella presentou en rolda de prensa estas axudas, que na Coruña aumentan un 8 por cento respecto ao exercicio anterior

A Xunta achega este ano 1.322.343 euros a 42 concellos da provincia da Coruña para promoción da igualdade, segundo destacou esta mañá a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, nunha rolda de prensa na Delegación Territorial da Xunta na Coruña.

Este importe incrementase un 8 por cento respecto ao 2014, o que significa que os concellos coruñeses van percibir este ano preto de 100.000 euros máis para a posta en marcha de iniciativas en tres liñas de actuación: a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIMs).

Susana López Abella revelou que seguindo a senda establecida en 2013, a convocatoria deste ano reforza a prioridade dos proxectos de xestión compartida, o que significa incremento de puntuación e polo tanto, incremento de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de subvencións.

A resolución destas axudas reflicte unha consolidación no eido da cooperación e colaboración entre concellos e para a xestión compartida das actuacións e programas no eido da promoción da igualdade. Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que “é o modelo a seguir para garantir unha atención eficaz e eficiente á cidadanía neste ámbito de actuación”, segundo explicou a titular da Igualdade.

Máis solicitudes conxuntas
López Abella subliñou que na convocatoria deste ano na Coruña son máis as entidades locais que presentan unha solicitude conxunta, que se reflicte sobre todo no programa de apoio aos CIMs. Así, en 2015 no ámbito dos 29 CIMs en funcionamento na Coruña participan un total de 52 concellos, dos que 32 teñen unha xestión compartida fronte aos 20 que a teñen individualizada.

Precisamente, das tres liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIMs é a de maior dotación, con 1.230.858 euros que se distribúen entre os concellos de Ortigueira, Carballo, A Coruña, Santiago, Ribeira, Laracha, Muxía, As Pontes, Arteixo, Ferrol, Ares, Zas, Teo, Coirós, Muros Boqueixón, Noia, Outes, Boiro, Ames, cee, Curtis, Arzúa, Padrón, Culleredo, Santa Comba, Melide, Negreira e a Mancomunidade de municipios da comarca de Ordes, a agrupación de concellos que recibe maior subvención de toda Galicia. Estas subvencións destinaranse ao financiamento dos custos de persoal, mantemento e dinamización dos 29 centros da provincia.

A segunda liña, por volume orzamentario, é a de fomento da conciliación, con 81.316 euros, destinados ao financiamento de plans e actuacións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras no ámbito local. Nesta liña son 11 os concellos que reciben subvención: Cabanas, Dodro, Melide, Carral, Lousame, Mugardos, Negreira, Pontedeume, Teo, Ortigueira e Vilasantar, que se agrupou co Concello de Sobrado.

Por último, os concellos de Oleiros e Coirós resultaron beneficiarios de axudas para o establecemento de medidas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, que inclúe as accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas deste tipo de violencia, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e prostitución.

Coa resolución desta axuda por importe de máis de 3,9 millóns de euros, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende por en valor o papel relevante das entidades locais na difusión do valor da igualdade e transmitir a coordinación e colaboración existente entre a Administración autonómica e a local. “Consideramos que as entidades locais son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por ser as administracións máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas”, enfatizou López Abella.