Thursday 21 de November de 2024

Bo ritmo de actuación nas obras de humanización da rúa José Manuel Ferreira Penedo a


A intervención está valorada en 100.000 euros e dá continuidade a obras de simulares características realizadas noutras rúas do núcleo urbano da Laracha.

As obras de humanización da rúa José Manuel Ferreira Penedo avanzan a bo ritmo de actuación, tal e como comprobaron hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón.

O proxecto que está en execución nesta rúa residencial do núcleo urbano da capital municipal consiste na ampliación das beirarrúas a ambos lados da calzada e no establecemento do sentido único da circulación dos vehículos. Así, dispoñendo dun maior espazo priorizarase aos peóns sobre o tránsito rodado, habilitaranse máis aparcamentos, reforzarase a seguridade viaria coa sinalización e o marcado dos pasos para peóns -un deles, elevado- e crearanse áreas de descanso con mobiliario urbano.

Trátase dun proxecto de similares características aos impulsados polo Concello nos últimos anos en varias rúas da Laracha, como por exemplo Epifanio Campo, Silverio Moreda, David Mallo, Coruña, Lugo, Pontevedra e Suíza, entre outras.

A actuación supón un investimento de 100.000 euros a cofinanciar entre o Concello e a Deputación da Coruña.