A proba terá lugar o sábado 9 de marzo por un circuíto de 7 km (90% monte). Inscricións abertas ata o 6 de marzo por 8 € en Galitiming
O Concello de Brión e o Club Deportivo Brión-Hyupersa Santiago organizan a II Cronoescalada Torres de Altamira, que terá lugar o sábado 9 de marzo a partir das 16:00 horas. Un evento solidario no que a recadación polas inscricións será doada integramente á asociación Art for Dent, asociación galega da enfermidade de Dent.
A carreira está aberta á participación de atletas tanto federados como non federados, maiores de 18 anos, cun límite de 300 participantes. A cronoescalada realizarase sobre un circuíto duns 7 quilómetros entre a Carballeira de Santa Minia e as Torres de Altamira. Trátase dun percorrido que discorre nun 90% por camiños de monte sinalizados con cinta de balizar e sinais indicativas, e que estará controlado por persoas voluntarias que se emprazarán nos cruces máis importantes.
O circuíto ten unha dificultade media, física e técnica, e conta cun desnivel positivo de 320 metros. Os participantes sairán da contorna da Carballeira de Santa Minia ás 16:00 horas en grupos de 6 atletas, ordenados por orde alfabética de apelidos, e con 30 segundos de diferenza entre cada grupo. A recollida de dorsais terá lugar ata 15 minutos antes da hora de saída de cada participante.
O Concello de Brión e o Club Deportivo Brión-Hyupersa Santiago entregarán trofeos ás 3 primeiras mulleres, 3 primeiros homes, 3 mellores clubs clasificados e 3 primeiras e 3 primeiros de cada categoría establecida: senior, máster 35, máster 45 e máster 50.
Carreira solidaria
As inscricións realizaranse a través da páxina web www.galitiming.com, ata as 23:59 horas do 6 de marzo ou ata que se completen o total de 300 inscricións. O prezo da inscrición será de 8€. A recadación en metálico será doada integramente a Art for Dent, unha asociación sen ánimo de lucro que nace no ano 2020 a iniciativa dun grupo de familias galegas de Brión, Muros, Pontevedra e Lugo, con nenos afectados pola enfermidade de Dent, unha doenza minoritaria que afecta gravemente ás funcións habituais dos riles. O principal obxectivo desta asociación é recadar fondos para a financiación da enfermidade de Dent no NefroChus (Laboratorio de Xenética de enfermidades renais do IDIS, Santiago de Compostela).
Así mesmo, habilitarase un dorsal solidario para todas aquelas persoas que non poidan participar na proba e que queiran realizar unha doazón para colaborar con Art for Dent. Ao tratarse dun evento solidario, no caso de non poder levarse a cabo a proba por calquera incidencia, non se devolverá o prezo da inscrición baixo ningunha causa, xa que irá destinada a Art for Dent.
A II Cronoescalada Torres de Altamira está organizada polo Concello de Brión e o Club Deportivo Brión-Hyupersa Santiago. Conta coa colaboración de Hyundai Hyupersa Santiago, Macía Dental, Adrián García Abogados e Galitiming. Ao rematar a proba haberá servizo de polbeira a prezos populares.