Monday 25 de November de 2024

A Xunta amplía a colaboración coa Federación de Cineclubs para levar as proxeccións da Filmoteca de Galicia a máis concellos


— A programación estendida da cinemateca galega poderá verse en sete localidades

— O Goberno galego continuará apoiando a asociación sen ánimo de lucro, que este ano celebra o seu 40º aniversario, para que programe 19 ciclos e semanas de cine

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o presidente da Federación de Cineclubs de Galicia (Feciga), Manuel Precedo, mantiveron hoxe unha reunión para renovar o convenio de colaboración entre as dúas entidades. Para este 2024, o acordo integra as achegas para garantir a proxección de películas durante todo o ano nas 14 localidades onde teñen as súas sedes os espazos integrados no colectivo, así como a ampliación das programacións estendidas da Filmoteca de Galicia.

Desde xeito, a Xunta disporá 65.000 euros como apoio económico para que esta asociación sen ánimo de lucro, que celebra este ano o seu 40 aniversario, continúe traballando a prol da cultura cinematográfica, con especial atención á defensa e apoio á produción galega.

A proposta da entidade para 2024 articúlase arredor de 19 ciclos e sete semanas de cine que terán lugar nos cineclubs Pontevedra, Lumière de Vigo, Adega de Vilagarcía de Arousa, Cangas, Poleiro de Goián, Bueu, Padre Feijoo de Ourense, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Valle-Inclán de Lugo, Val Miñor de Nigrán, Serie B de Narón, O Acomodador de Allariz e Os Papeiros de Chantada.

Descentralización da programación da Filmoteca de Galicia
A Xunta reservará unha dotación de 8000 euros para facilitarlles películas a través da Filmoteca de Galicia a máis pantallas de cada unha das provincias. Así, a cinemateca galega seguirá ofrecéndolles aos cineclubs algúns títulos procedentes da súa carteleira para a sala José Sellier da súa sede da Coruña, de xeito que incrementará o número de concellos galegos implicados por esta vía (ata agora as cidades de Lugo, Ourense e Pontevedra) coa incorporación neste 2024 das vilas de O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Vilagarcía e Cangas.

Esta programación estará constituída por unha escolma representativa da diversidade da programación da Filmoteca do último ano, coa reserva dun mínimo do 20% dos programas á produción galega máis recente.

O acordo tamén contempla que a Xunta financiará a participación da Federación de Cineclubs de Galicia nos Encontros de Cinema de Viana do Castelo (Portugal) para a resolución do Prémio PrimeirOlhar para documentais das escolas de cine e audiovisual de Galicia, Portugal e Brasil.