A escritora de Zaramagoso (Fruíme, Lousame) presenta unha historia de traizón e celos, con momentos románticos e escenas eróticas
A Casa da Cultura de Lousame acollerá o vindeiro sábado 24 de febreiro a presentación do libro “Nora”, unha novela de Lucía Rodríguez Figueira, veciña de Zaramagoso, parroquia de Fruíme (Lousame). Todas as persoas que se acheguen pola Casa da Cultura lousamiá entre as 17:00 e as 18:30 horas poderán adquirir un exemplar do libro asinado pola autora.
“Nora” é unha historia de traizón e celos editada por Universidad Literaria que combina momentos románticos con escenas eróticas. Conta a historia de Nora, unha muller sumisa inmersa nun matrimonio cheo de mentiras e enganos ata que, coa axuda duns bos amigos logra saír dese burato, fortalecendo a súa autoestima e vencendo os seus medos. Para logralo, superará situacións de medo, indecisión e traizón, ademais doutros momentos fermosos como atopar o verdadeiro amor que a axuda e a apoia sen condición.
A autora
Lucía Rodríguez Figueroa é natural de Zaramagoso (Fruíme, Lousame) e asegura que “sempre me gustou escribir pero nunca crín que fora suficientemente boa para publicar, nunha ocasión un amigo quixo publicarme os meus escritos pero non me decidín por medo a que non gustaran. Agora, gracias a editorial Diversidad Literaria que me outorgou unha moi boa oportunidade estou cumprindo un deses pequenos soños que todos desexamos cumprir: o meu tratase de chegar a escribir un libro, deixar pegada en papel e poder dicir, ese libro e meu!”.
Lucía Rodríguez comezou a escribir a través dun concurso de micro-relatos eróticos convocado pola editorial Diversidad Literaria a través de Facebook. Un concurso no que o seu relato foi escollido para formar parte dun libro de antoloxía de temática erótica. Un libro comercializado a través de Internet e onde Lucía foi unha das persoas que máis vendas conseguira, o que lle permitiu asinar un contrato editorial con Diversidad Literaria para escribir este libro en solitario.
“De non ter sido polo concurso onde comezou todo igual nunca me atrevería a lanzarme a escribir un libro porque ata agora só escribía pequenos relatos dunha páxina ou dúas pouco máis e espero de corazón que os lectores lles guste e lles faga a mesma ilusión lelo que me fai a min escribir para eles”, apunta a autora.