Friday 22 de November de 2024

Bota a andar a Comisión de seguimento do Protocolo de colaboración entre o Concello e a USC


Esta mañá quedou constituída a comisión interinstitucional que fará un seguimento trimestral dos avances nos diferentes ámbitos de actuación establecidos no Protocolo de colaboración asinado polo Concello e a Universidade de Santiago. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o reitor da USC, Antonio López, presidiron esta primeira xuntanza formal na que se marcaron as prioridades para os próximos meses e se deu luz verde á creación de grupos de traballo que avanzarán en cuestións concretas relacionadas co urbanismo e no desenvolvemento de prácticas profesionais na administración municipal para o alumnado universitario.

Tras a constitución da Comisión, a alcaldesa detallou que as reunións terán lugar “trimestralmente” e que neste primer encontro se concretou o funcionamento dos grupos de traballo “que comezarán de maneira inmediata a inicios do mes de marzo” para tratar temas de carácter urbanístico e de persoal.

A rexedora destacou a “boa sintonía” e a “vontade clara de avanzar” das dúas institucións e recordou que desde o Concello de Santiago xa se incluíu “unha partida de 60.000 euros nos Orzamentos municipais de 2024 para a mellora de instalacións deportivas da USC, nomeadamente para o acondicionamento do campo polideportivo de rugbi e de fútbol, que é usado tanto por estudantes como por clubs deportivos da nosa cidade”.

Outra das iniciativas que se analizaron na reunión foi a elaboración dun “protocolo que garanta os usos residenciais que poida haber na cidade” e a elaboración dun “plan anual de prácticas curriculares para que o alumnado poida facer prácticas nas diferentes depencias municipais dunha maneira planificada e coordinada”.

A rexedora tamén destacou os avances cara a implementación dun “Plan de mobilidade” centrado en reducir a utilización do vehículo tradicional e fomentar as formas de transporte alternativas, como as bicicletas, que arrancará coa posta en marcha dun “plan piloto nun prazo breve”.

Goretti Sanmartín concluíu reiterando a “vontade de iniciar o ano cun traballo continuado, serio e rigoroso no que a Comisión de seguimento vaia trimestralmente vendo como van avanzando os grupos de traballo nos diferentes ámbitos” nos que as sinerxias favorezan “tanto ao alumnado da Universidade como á veciñanza de Santiago”.

Pola súa banda, o reitor da USC recordou que obxectivo desta constitución formal da Comisión de Seguimento é que “o Protocolo que asinamos no seu día non quede nunha simple manifestación de intencións”.

Antonio López congratulouse do establecemento dun “calendario de actuacións dos grupos de traballo que van seguir desenvolvendo cada un dos temas” como son as cuestións urbanísticas e de investimentos asociadas ao Campus, a creación da Cidade da Saúde “da que estamos a piques de licitar a súa primeira fase” ou o Plan de Mobilidade co que se poderá identificar “cales son as rutas máis demandadas e os puntos de maior utilización”.

Composición da Comisión de seguimento

Por parte do Concello de Santiago, a Comisión estará presidida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, que será substituída, en función dos temas de cada xuntanza, polo concelleiro ou concelleira da área; o coordinador xeral do Concello, Xosé Antón Freire; e a directora da Área de Urbanismo e Infraestruturas, Ana Prieto, que tamén poderá ser substituída en sucesivas sesións polas persoas responsábeis dos asuntos da orde do día. A USC estará representada polo reitor, Antonio López; o xerente, Xabier Ferreira; e a vicexerenta, Pilar Martínez.

Esta Comisión vaise encargar de elevar aos órganos de goberno das dúas institucións un informe anual sobre o grao de cumprimento dos acordos, en que dea conta tamén dos seus traballos e formule as propostas que cumpran para garantir o acordado ou continuar a relación entre as partes.

O Protocolo que establece o marco estable de cooperación entre as dúas institucións recolle prioridades comúns en materia urbanística, infraestruturas, vivenda, mobilidade sostible, transferencia de coñecemento, dinamización cultural, igualdade e deporte.