— Os inmobles foron mercados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo no marco do programa Rexurbe e as vivendas serán cualificadas como de promoción pública para a súa adxudicación en réxime de alugueiro social
— Na Coruña recuperarase un edificio situado no número 6 da rúa Santa María para obter tres vivendas, en Ribadeo rehabilitaranse tres inmobles que xerarán seis vivendas e en Tui outros tres edificios para dispoñer de catro vivendas
A Xunta de Galicia licitou hoxe por un importe global de máis de 235.000 euros a redacción dos proxectos de rehabilitación, así como a dirección de obra, de sete edificios adquiridos nas zonas históricas da Coruña, Ribadeo (Lugo) e Tui (Pontevedra) no marco do Programa Rexurbe.
Coa súa rehabilitación obteranse 13 vivendas que serán cualificadas como de promoción pública, polo que pasarán a integrar o parque de vivenda pública propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e serán adxudicadas en réxime de alugueiro social atendendo aos inscritos no Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia.
A licitación, publicada hoxe na plataforma de contratos de Galicia, correspóndese cun inmoble na Coruña, tres en Ribadeo e outras tres en Tui. De feito, o contrato repártese en tres lotes por ámbito provincial.
O inmoble a rehabilitar na Coruña está emprazado no número 6 da rúa Santa María e ten como obxectivo xerar tres vivendas de promoción pública. O importe de licitación da redacción do proxecto e dirección de obra é de preto de 61.000 euros IVE incluído.
En Ribadeo recuperaranse tres inmobles situados nos números 2 e 4 da rúa Bispo Veres e no número 32 da rúa Trindade. As obras permitirán habilitar seis vivendas e o importe da licitación é de máis de 102.000 euros IVE incluído.
No caso de Tui, os traballos afectarán a tres edificios emprazados no número 44 da rúa San Telmo, no 18 da rúa Lorenzo Cuenca e no 29 da rúa Pracer co 42 da rúa Lorenzo Cuenca e permitirán obter catro vivendas. O orzamento destinado á licitación da redacción do proxecto e dirección de obra é de máis de 72.000 euros IVE incluído.