Thursday 21 de November de 2024

Á venda as entradas do espectáculo ‘Rock en familia’, que se celebrará o 17 de marzo no Teatro Colón


A cita fará un repaso da historia da música rock con motivo do Día do Pai

O Teatro Colón acollerá o vindeiro 17 de marzo, a partir das 12.30 horas, o espectáculo ‘Rock en familia: Hijos del Rock and Roll’. Trátase dunha actuación especial promovida polo Concello da Coruña con motivo do Día do Pai. As entradas xa están á venda a través de Ataquilla e dos despachos de billetes do propio teatro e da praza de Ourense a un prezo de 13 euros. Hai dispoñible tamén un pack familiar de catro entradas ao prezo de tres ata o 10 de marzo.

O espectáculo ‘Rock en familia’ regresa á cidade tras o seu éxito na pasada edición nas Festas de María Pita. Trátase dun divertido repaso á historia da música rock, centrándose nesta ocasión nos grandes autores e formacións a nivel nacional. Extremoduro, Barricada, Loquillo, Miguel Ríos, Burning ou Marea estarán moi presentes neste espectáculo dirixido a toda a familia e que ten entre os seus obxectivos que os e as máis pequenas coñezan os grandes éxitos deste xénero.

O espectáculo ‘Hijos del Rock and Roll’ estará presentado polo Oso Rosendo, que fará un repaso da historia do rock español grazas á música en directo da banda de ‘Rock en Familia’.
Ao tratarse dunha sesión especial polo Día do Pai, todos os pais que asistan recibirán un diploma especial.

O Goberno de Inés Rey continúa confeccionando una programación cultural de gran calidade para todo tipo de públicos e idades. Dentro das citas que se celebrarán ao longo deste 2024 teñen unha grande importancia os espectáculos para a mocidade e a infancia, como esta sesión do Teatro Colón. Ciclos como Bebescena ou Todo Público buscan fomentar un ocio familiar nos diferentes espazos municipais da cidade.