O ciclo de charlas “Acompañar no reto de educar”, que co-organizan os concellos de Fene, Neda e Mugardos dentro do programa “Máis que un teito”, porá o foco o luns 19 de febreiro nos problemas de comportamentos dos máis pequenos da casa. Ata este venres está aberto o prazo de inscrición para os pais e nais que queiran sumarse á iniciativa.
A sesión informativa, que leva por título “Superando os problemas da infancia”, vai destinada a familias con nenos e nenas escolarizados nos tres municipios, Anpas e entidades sociais, desenvolverase entre as 18 e as 20 horas na Casa da cultura fenesa. E nela falarase de cuestións como as perrenchas, os celos, as frustracións dos cativos/as, avaliando casos prácticos, e analizando cal debe ser a posición do resto da familia ante estas condutas.
Os pais e nais nedenses poden inscribirse no obradoiro, accedendo ao formulario de inscrición accesible dende a web municipal, no que poderán indicar se precisan botar man do espazo para as crianzas, que contará con monitorado propio.
Para obter máis información sobre o ciclo “Acompañar no reto de educar” poden dirixirse ao servizo de educación familiar de Neda (teléfono 981390233) ou ben aos Servizos Sociais de Fene (981492706/ 981342607) encargados da coordinación do proxecto intermunicipal, que conta coa colaboración da Consellería de Sanidade.