Martes 13, pero na Pobra do Caramiñal non foi sinónimo de mala sorte, senón máis ben todo o contrario: música, cor, festa e moita diversión. Os disfraces, carrozas e comparsas lucíronse polo centro da localidade no Martes de Entroido con saída ás 17.30 horas dende as inmediacións da estación de autobuses. Ao abeiro da axenda deseñada pola Concellaría da Cultura para estas datas, nesa tarde procedeuse co concurso dirixido a maiores de 13 anos.
Nas inmediacións da E.E.I. Fernández Varela desenvolveuse a particular gala conducida pola youtubeira Nuska Chousa, durante a cal os/as participantes fixeron as súas correspondentes postas en escena e o xurado emitiu o seu veredicto tras valorar no itinerario distintos parámetros como o vestiario ou a maquillaxe. O alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; e a edil dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, fixeron entrega dos galardóns.
Na categoría parellas/individuais, o primeiro premio, dotado con 200 euros, foi parar a O embaixador das catro erres; o segundo a Faime un boneco de neve (150 euros); o terceiro a Guerreiro samurai (125 euros); e o cuarto a O repartidor de Estrella Galicia (100 euros).
Nos grupos distinguiuse a Habelas hailas, Monster High, Kducados Band e Macedonia do Areal con 400, 300, 200 e 150 euros, respectivamente, ademais de facer entrega doutro cuarto premio, tamén con 150 euros, a Os pavos reales.
E nas carrozas houbo recompensas para El chiringuito (700 euros), Casino Las Vegas (400 euros), Aztecas a monte (200 euros) e O bosque máxico (150 euros). A maiores, as carrozas percibirán cadansúa gratificación de 200 euros por asistir para axudarlle así a sufraga-los gastos de confección.
Outorgáronse, ademais, os premios aos mellores disfraces da festa infantil do 11 de febreiro: Os deuses do canabal (200 euros), A raíña das bolboretas (150 euros), Pobranígenos (125 euros), Los sueños elementales (100 euros) e Astronauta (75 euros), por esta orde.
Repartíronse así arredor de 5.000 euros entre os dous certames e as gratificacións ás carrozas.
O cartel rematará na fin de semana co enterro do Felipiño do Maño (día 17) e co domingo de Piñata na Crocha (día 18).