A cabeza de lista pola Coruña, Patricia Iglesias denuncia que non existe seguimento “nin imposición de penalidades” ante o “incumprimento reiterado” dos pregos por parte das concesionarias que prestan o servizo actualmente
Propoñen ademais ampliar a gratuidade da tarxeta nova desde os 21 ata os 30 anos e recuperar o Noitebús
O PSdeG impulsará un Plan Integral de mobilidade co foco posto no bus metropolitano. Así o explicou a cabeza de lista pola provincia de A Coruña, Patricia Iglesias que recalcou o compromiso do futuro goberno de José Ramón Gómez Besteiro co transporte por estrada fronte, a “nefasta xestión da mobilidade” que, critica, aplicou o Partido Popular durante os últimos 15 anos.
A candidata socialista compromete unha revisión de todas as liñas e concesións, así como un reforzo das conexións co rural co obxectivo de potenciar o asentamento nestas zonas. “Actualmente no se atende a demanda dos usuarios e a conexión das sete grandes cidades coas vilas da comarca e mala” critica a socialista.
Iglesias lembra que existen sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como diferentes informes do Consello de Contas de Galicia que apuntan a que as concesións da Xunta de Galicia “están sendo insuficientes” e recalcan que hai falta de seguimento do cumprimento”.
“O único bus que pasa polo rural é o de campaña de Rueda”
O Secretario Xeral dos socialistas en Santiago e candidato número 4 pola provincia, Aitor Bouza, denunciou tamén as ineficiencias do transporte metropolitano en Galicia. Bouza, amosouse convencido do cambio na Xunta de Galicia e garantiu o compromiso do goberno de Gómez Besteiro cun transporte público “de calidade”.
O candidato dos socialistas pola cidade de Santiago cuestionou ademais que “o único autobús que pasa polo rural é de campaña do Partido Popular”. Arremeteu contra os conservadores polo seu vídeo de campaña e preguntouse se para poder viaxar en condicións óptimas “é necesario ter carné do PP”.
“Con coller a papeleta do PSdeG podemos resolver todos os problemas que vimos sufrindo durante os últimos anos”
“Precisamos un cambio de modelo” defenden tamén desde as Xuventudes Socialistas. O seu secretario de Organización propón cinco grandes ámbitos nos que traballar para impulsar ese cambio, con un plan de choque para corrixir os retrasos e irregularidades no transporte; ampliar a gratuidade da tarxeta Xente Nova ata os 30 anos; impulsar a intermodalidade para que bus e tren vaian da man; a volta do Noitebús e a creación do valedor do viaxeiro para controlar as irregularidades no transporte.
Enrique García denunciou o “desmantelamento do servizo de transporte público por estrada” nos últimos anos por parte do binomio Feijóo-Rueda e asegurou que cun cambio de goberno liderado polos socialistas pódese reverter a situación: “con 15 minutos, os que tardamos en coller a papeleta do PSdeG e votar, podemos resolver todos os problemas que vimos sufrindo durante os últimos anos” asegura.
García insiste tamén na situación actual e pon o foco na privatización das estacións, poñendo o exemplo de Vigo e Ourense; así como na “inseguridade” dos viaxeiros que agardan por trens “que moitas veces nin pasan, outras pasan pero non paran e ás veces se paran non podemos subir e chegar ao noso destino”.